A deputada do BNG, María González Albert levou ao Parlamento, a través dunha pregunta ao goberno, a falta de facultativos de radiodiagnóstico na Eoxi Ourense, Verín, Barco de Valdeorras e preguntou ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña cando se incorporarán os profesionais desta especialidade tamén nos centros de Verín e Ourense.
A nacionalista criticou o uso do “telediagnóstico” con profesionais de garda en Ourense que informan a distancia sobre TACs con contraste feitos no Barco. Iso si, dixo, sempre que o médico de urxencias no Barco asuma a responsabilidade no caso de calquera problema.
Por outra parte, engadiu a deputada, existe unha normalización dos desprazamentos en ambulancia a Ourense para ecografías habendo ecógrafo no Barco, circunstancia que cualificou de “barbaridade” tendo en conta que en Valdeorras hai unha única ambulancia para os traslados.
“Esta situación de precariedade” recalcou González Albert, “perdurará no tempo” até a adxudicación dos destinos na vindeira OPE, e tendo en conta que probablemente teña lugar no verán e non se resolva até o vindeiro inverno, a perspectiva é dun ano enteiro nunha situación que pode agravarse se algún dos radiólogos de Ourense deixa de facer gardas tras cumprir os 55 anos.
Ante o anuncio da consellería sobre “unha oferta de contratos de longa duración para cubrir as prazas do Barco” mentres non se resolve a OPE, a deputada preguntou que clase de contratos en precario ofertaban até agora se pensan que con ese único incentivo as profesionais se desprazarán até o Barco.
A marcha destas 2 radiólogas era coñecida desde fai meses e todas sabiamos que o servizo ía ficar en precario. Por que a súa Consellaría non interveu antes de que o problema estoupase? preguntou.
A deputada insistiu na importancia do servizo de radioloxía que soporta o 80% dos diagnósticos hospitalarios e tras a intervención do conselleiro que restou importancia a situación sanitaria descrita pola deputada do BNG, a nacionalista reiterou que as valdeorresas e valdeorreses coñecían o deterioro asistencial do hospital coa perda de profesionais e servizos consolidados como o de: dermatoloxía, trauma, preventiva, ou rehabilitación. Desde a supresión da área sanitaria executada polo Partido Popular Valdeorras converteuse no “parruliño feo” do sistema sanitario galego e a problemática co servizo de radiodiagnóstico non fai máis que afondar neste deterioro.
A nacionalista tamén aludiu aos traslados a Ourense na única ambulancia coa que conta O Barco e os posibles problemas e complicación que se poden producir ademáis da ausencia da ambulancia no caso de producirse ao mesmo tempo unha urxencia que precise dun traslado.
A deputada do BNG pediu ao conselleiro “un cambio de rumbo” nas políticas dos hospitais comarcais e valorar a saúde das cidadás e cidadáns que dependen deles. O seu antecesor no cargo fixo un traballo absolutamente “demoledor” e “descentralizado” do sistema de saúde coas áreas sanitarias. “Valoricen e incentiven ás profesionais para que ocupen prazas nestes hospitais. Incentívenas con contratos de longa duración, con maiores puntuacións,, bonificacións curriculares, e melloras dos horarios...” Defendan a integridade do noso sistema sanitario porque a saúde é un dereito básico e universal, concluíu.