congreso

BNG insta o Goberno a exixir a Israel o cesamento dos ataques á Faixa de Gaza

Reunión Galiza por Palestina
Reunión Galiza por Palestina
Néstor Rego reuniuse con representantes de Galiza con Palestina a quen lles trasladou as iniciativas presentadas no Congreso que apelan a actuar con urxencia para exixir a Israel o fin dos bombardeos e do ataque a Gaza e a apertura de corredores para axuda humanitaria

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, mantivo este mediodía unha reunión cos representantes da organización Galiza con Palestina, Angela Gippini e Xoán Gabeiras, aos que trasladou as iniciativas presentadas no Congreso para reclamar ao Goberno que exixa a Israel que pare os ataques e a invasión á Faixa de Gaza.

Hoxe o Estado israelí acaba de dar un prazo de 24 horas para a evacuación de máis de 1 millón de palestinos do norte de Gaza porque vai levar a cabo unha ofensiva e invasión terrestre de Gaza. Algo que se debe parar canto antes e que pon en evidencia a pretensión do sionismo de levar a cabo unha limpeza étnica pola vía de baleirar a Faixa de poboación Palestina.

Rego apela ao Executivo a exixir a Israel a apertura de corredores humanitarios

Néstor Rego apela ao Executivo a actuar pola vía diplomática con urxencia, tanto no seo da UE como na Comunidade Internacional para exixir a Israel o cesamento da aniquilación e invasión de Gaza, o cumprimento da legalidade internacional e o respecto aos dereitos humanos. Neste sentido, pide ao Goberno español que exixa ao estado israelí a apertura de corredores humanitarios para que as organizacións de axuda humanitaria poidan asistir debidamente a poboación gazatí.

Rego reclama o fin dos cortes de subministracións de luz, auga e comida que vulneran a legalidade internacional e os dereitos humanos. “A Comunidade Internacional debe condenar firmemente esta brutal ofensiva sobre Gaza que supón o exterminio da poboación, un verdadeiro xenocidio”.

O Goberno debe abrir as vías para traballar pola paz na zona e o recoñecemento do Estado palestino

O deputado do BNG empraza o Executivo español a adoptar unha posición centrada en acabar canto antes cos ataques sobre Gaza, “liderando na UE a adopción de medidas e xestións diplomáticas para estabelecer a paz”.

Ademais, na proposición non de lei, lémbrase ao Goberno a necesidade de reclamar a Israel o cumprimento dos Acordos de Paz, as resolucións da ONU que condenan a ocupación dos territorios palestinos e as políticas de colonización e apartheid. “E a importancia de proceder ao recoñecemento do Estado palestino porque é o único camiño para construír a paz na zona e a normalización de vida da poboación”, como recollen as resolucións de Nacións Unidas.

Acabar co bloqueo a Gaza e coa ocupación de territorios

Para iniciar a vía da normalización, subliña o deputado do BNG, “é preciso que o Estado de Israel poña fin ao bloqueo de Gaza por terra, mar e ar”. No que atinxe ao papel da UE, considera o parlamentar do BNG que o Goberno español debería traballar para que se incremente a axuda humanitaria, económica e social á poboación gazatí, “sometida agora mesmo a unha terríbel devastación”.

O deputado do BNG relata nas iniciativas a situación que sofre a poboación palestina desde hai décadas, “empeorada nos últimos anos con constantes bombardeos, asaltos aos seus domicilios, ocupación dos seus territorios, sen liberdade de circulación e vivindo inmersos nun bloqueo inhumano”. Salienta a “agresiva política de colonización de Israel. Palestina viu arrebatado a maior parte do seu territorio desde 1948”.

Máis de 1000 resolucións da ONU. A paz só será posíbel co Estado palestino.

Unha situación que veñen denunciando tamén organizacións pacifistas israelís. Lembra Rego que a ONU emitiu máis de 1000 resolucións sobre o conflito desde 1947, exixindo a retirada de Israel dos territorios ocupados e o estabelecemento dun Estado palestino independente. Reprocha o BNG que a UE e a Comunidade Internacional teñan normalizada a ocupación israelí, mesmo “teñen a Israel como socio preferente da UE”.

“Hai unha dupla vara de medir que fai ver que hai vítimas de primeira e vítimas de segunda”, sinala. Critica o BNG o desleixo e a indiferenza da Comunidade Internacional co aniquilamento da Faixa de Gaza nunha operación de Israel que supón de facto outra manobra para proceder á ocupación e expulsión dos palestinos das súas terras. 

Considera Néstor Rego que “nada xustifica a vulneración da legalidade internacional en dereitos humanos. Israel debe ser condenada e sancionada. Debe parar xa os ataques e a invasión de Gaza e abrir corredores humanitarios”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG