A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, defende que os proxectos de infraestruturas e viarios respecten o medio ambiente e o patrimonio, xa que ao seu xuízo semella que nos proxectos da Xunta pesa máis “unha terrible vocación destrutora en aras dun progreso mal entendido que o respecto polo país”, tal e como hoxe o puido comprobar na visita que realizou ao trazado de ampliación da AG-59 ao seu paso entre os concellos de A Estrada e Teo, que altera gravemente a Rede Natura 2000 desta zona.
“Semella que a Xunta pretende levar a cabo obras e proxectos sen respectar o país e arrasando proxectos financiados con fondos europeos”, denunciou Miranda tras o encontro que mantivo con diversos colectivos que se opoñen ao trazado de ampliación da AG-59 e representantes do BNG da Estrada, encabezados pola concelleira Susana Camba. Neste sentido avanzou que trasladará á Comisión Europea, unha pregunta sobre o proxecto de ampliación da AG-59 deseñado pola Xunta de Galiza e as súas consecuencias sobre a Rede Natura.
No concello da Estrada toda a ribeira do Ulla están inserido no sistema fluvial Ulla-Deza da Rede Natura 2000, e a maiores o río Vea, desde o lugar de Cardelle até a desembocadura no Ulla, así como río Liñares, desde Pina até o citado río. Porén, a Consellaría de Infraestruturas elaborou o proxecto de ampliación da AG-59 desde a Ramallosa (concello de Teo) até o Rollo (concello da Estrada), cunha autovía que atravesa o río Ulla cun viaduto de 40 metros e catro carrís, e o río Vea, con outro pequeno viaduto de menores dimensións, ambos incluídos na Rede Natura 2000.
Segundo explican os colectivos que se opoñen a este trazado, a ampliación da AG-59 discorre por un espazo no que se concentra vexetación autóctona como carballos, ameneiros e freixos, e tamén fauna como salmón, troita, lamprea, parrulos ou mexillón de río entre outras especies. Por outra parte, o trazado tamén afecta gravemente a patrimonio etnográfico de enorme importancia cultural, como os Muíños do Vea e o castro de Vilacriste, así como a terreos agrarios, nunha das zonas do noso concello onde se concentran grandes explotacións agro-gandeiras.
Alegacións ao proxecto
Desde o BNG da Estrada presentáronse diversas alegacións contra este proxecto de ampliación da AG-59 entre A Ramallosa (Teo) e o Rollo (A Estrada). Segundo explicou a concelleira do BNG, Susana Camba, “en apenas tres quilómetros o trazado deseñado pola Consellaría de Infraestruturas atravesará un espazo protexido inserido na Rede Natura 2000, arrasará patrimonio cultural e etnográfico, así como terreos agrícolas nos que se ubican grandes explotacións agrogandeiras e dividirá en dous as parroquias de Cora e Santa Cristina, pasando moi preto das casas, especialmente no Rollo e na Cerqueira”
“Se queremos un rural vivo, arrasar fincas non é o mellor xeito de traballar polos nosos sectores produtivos”, sinala Camba, quen apunta que entre as alegacións figura a relacionada coa seguridade vial, en relación ao enlace coa PO-841 á altura do Rollo, “que non é o sitio máis acaído pola forte pendente que ten a recta de Baloira, que fai que os coches alcancen altas velocidades nesa zona”. A conexión da AG-59 co polígono industrial de Toedo e enlazar co que sería a Variante, é outro dos puntos considerados fundamentais, xa que permitirían ás empresas situadas nese polígono industrial, así como na Cidade do Moble, unha conexión áxil coas grandes vías de comunicación galegas, principalmente a AP-9 e a AG-53.
“Varios dos proxectos de recuperación do patrimonio desta zona foron financiados con fondos europeos, polo que semella que a Unión Europea financia proxectos, que logo son arrasados por obras da Xunta”, denuncian, como por exemplo unha fonte termal rehabilitada con fondos europeos. Pero tamén veranse en perigo o Camiño da Geira e dos Arrieiros que vén de Braga (Portugal) até Santiago Compostela, camiño que foi posto en valor pola asociación Codeseda Viva, que logo dun intenso traballo de documentación demostrou que ten a súa orixe no século IX. Do mesmo xeito urxe protexer, o castro en Vilacriste e a ruta dos muíños do Vea, posta en valor pola asociación A Xesteira de Couso, que se poden ver seriamente prexudicados; así como o valor paisaxístico e ecolóxico da zona.