congreso

BNG insta ao Ministerio de Xustiza a aprobar a creación de cinco Xulgados de Violencia de Xénero na Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego: “As políticas para loitar contra a violencia machista deben ser transversais, mais o ámbito da Xustiza ten especial importancia” e demanda Xulgados en Santiago, Ourense, Lugo, Ferrol e Pontevedra.

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, presentou unha iniciativa parlamentar dirixida ao Ministerio de Xustiza para demandarlle que nas previsións de necesidades xudiciais inclúa a creación de  cinco Xulgados especializados en Violencia de Xénero na Galiza: en Santiago de Compostela, en Ourense, en Lugo, en Ferrol e en Pontevedra.

Só temos Xulgados especializados na Coruña e en Vigo. Hai que avanzar. Un en cada cidade galega

Alega Rego que na Galiza só contamos con dous Xulgados especializados, en A Coruña e en Vigo, “unha carencia que arrastramos desde hai anos” e lembra que tanto o Observatorio contra a Violencia de Xénero como outros organismos, “insisten na necesidade de avanzar en xulgados especializados para tratar os casos de violencia machista, tratando de contar cun xulgado por provincia”.

“No que vai de ano, temos que lamentar 42 asasinatos de mulleres, 2 delas na Galiza. O verán foi especialmente alarmante no aumento de feminicidios con 16 crimes, 7 deles en agosto”, afirma o deputado do BNG. Esta situación motivou que se reunise o Comité de Crise do Ministerio de Igualdade para avaliar o aumento de asasinatos de mulleres, nun período que habitúa a ser de risco debido a unha maior convivencia.

Máis alá das medidas que se poidan propor desde o Ministerio, desde o ámbito competencial autonómico ou das entidades locais, “está claro que na Galiza faltan Xulgados especializados que levamos anos pedindo.  As políticas para loitar contra a violencia machista e rematar cos feminicidios implican medidas de carácter transversal, mais o ámbito da Xustiza ten unha importante relevancia a fin de poder tramitar os casos de maneira áxil e cun tratamento especializado”, afirma rego. 

Razón pola que o parlamentar do BNG pregunta a Pilar Llop, Ministra de Xustiza en funcións, se se contempla a necesidade de atender a solicitude de máis xulgados especializados en Violencia de Xénero na Galiza, e que disposición ten a incluír nas previsións de necesidades xudiciais, a creación destes xulgados en Santiago, Lugo, Ourense, Ferrol e Pontevedra.

Néstor Rego salienta que xa na pasada lexislatura “o Goberno se comprometera á creación de tres Xulgados, mais nada fixo. Incumpriu o seu compromiso. Agardamos que se leve a efecto nesta lexislatura e se cumpra coas necesidades de máis xulgados de Violencia de Xénero na liña de contar con sedes xudiciais especializadas en cada cidade galega”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG