A senadora do BNG, Carme da Silva, defenderá na Comisión de Políticas Integrais da Discapacidade unha moción instando o Goberno a regular laboralmente a figura da persoa Asistente Persoal. O BNG pretende, ante a indefinición existente e a inseguridade das partes, solucionar a situación e fixar un modelo contractual que regule as relacións laborais entre o asistente persoal e as persoas con discapacidade.
Ante o baleiro legal existente, o BNG impulsará no Senado unha moción para regular a relación xurídica entre as persoas con discapacidade e as persoas asistentes persoais. A ausencia dunha regulación específica, sinala a senadora do BNG, está a provocar situacións que dan lugar a confusión e inseguridade para as partes.
No concreto, a senadora nacionalista demandará o apoio do resto de grupos na cámara alta para instar o Goberno a “regular a relación xurídica entre as Persoas con Discapacidade e as persoas Asistentes Persoais, de modo que se contemple un modelo contractual específico para a figura do Asistente Persoal que poña fin á indefinición existente e outorgue seguridade a ambas as partes”.
“O Goberno non só debe financiar a Asistencia Persoal, mediante a Lei de Promoción de Autonomía Persoal e Atención á Dependencia, senón que tamén debe fixar un modelo contractual que regule estas relacións laborais como sucede co servizo doméstico e outros traballos” afirma Carme da Silva. Deste modo, sintetiza, terminaríase coa indefinición existente e proporcionaríase seguridade a ambas partes.
Para esta definición, explica a senadora nacionalista, é preciso ter presente os servizos e prestacións contemplados na Lei de Promoción de Autonomía Persoal e Atención a Persoas en Situación de Dependencia, considerando que debería partirse da fórmula de contrato laboral indefinido, xa que se presupón unha relación laboral, directa ou non, entre as partes.
“Esta figura non cabería na categoría de traballador autónomo porque absorbe máis do 75% do total dos seus ingresos e tampouco como traballador doméstico” engade. De facto, os expertos na materia poñen de manifesto que existen diferenzas esenciais entre unha persoa empregada do fogar e unha persoa Asistente persoal. “A actividade desta última non está axustada só ao ámbito doméstico, porque pode acompañar ao traballo ou ao centro de estudo e mesmo a Asistencia Persoal non ten como obxectivo executar tarefas senón facilitalas” evidencia a senadora do BNG.