BNG impulsa iniciativas na Eurocámara e no Congreso sobre o incumprimento do goberno central de medidas de seguridade ferroviaria

Ana Miranda e Néstor Rego
Ana Miranda e Néstor Rego

Ana Miranda anuncia novos encontros coa Comisión Europea para avaliar o cumprimento do procedemento de infracción aberto en 2019 contra España

Néstor Rego reclama a comparecencia do ministro de Fomento para que explique os detalles do plan de acción ferroviaria enviado á CE

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, avanzaron unha ofensiva nas institucións estatais e europeas para que se cumpran os requirimentos do procedemento de infracción aberto en xaneiro de 2019 contra o Estado español por incumprir a normativa europea de seguridade ferroviaria. “Dous anos e medio despois deste tirón de orellas contra o Estado español e oito despois do tráxico accidente de Angrois, pensamos que é tempo máis que suficiente para avanzar e cumprir a normativa de seguridade ferroviaria e que non se volva producir un accidente tan grave”, manifestan as nacionalistas.

Tanto Miranda como Rego criticaron os continuos retrasos por parte do goberno do Estado para cumprir as demandas de Europa, con escusas consecutivas, como as eleccións, o goberno en funcións ou a pandemia, segundo a propia Comisión Europea explicou na resposta a unha pregunta formulada polo BNG no Parlamento Europeo. “Imos manter unha reunión coa actual director xeral de Transportes, para que nos detalle os datos técnicos dos incumprimentos do Estado español”, destacou ao respecto Ana Miranda, quen avanzou que tamén está previsto a celebración dun encontro coa actual comisaria de Transportes. Adina Valean, a partir do mes de outubro.

Para a portavoz do BNG en Europa “é inadmisible que o cambio de comisaria de Transportes –xa en novembro de 2019- supoña novos atrasos no papel que debe ter a Comisión Europea a respecto do cumprimento dos procedementos de infracción”. Neste sentido salientou a boa disposición da anterior comisaria de Transportes, Violeta Bulc, coa que tanto o BNG, encabezado por Ana Pontón e Ana Miranda, como as vítimas do Alvia se reuniron en diferentes ocasións.

Transparencia

“Unha das cuestións nas que incidirei no encontro coa Comisión Europea é, ademais da falta de transparencia do goberno español, a inexistencia dunha investigación independente do accidente do Alvia, algo que o goberno español tamén ten que explicar”, manifestou Miranda. Neste sentido, o deputado do BNG, Néstor Rego, anunciou que solicita a comparecencia do ministro de Transportes, José Luis Abalos, para que explique os atrasos do Ministerio de Transportes, ADIF e RENFE en cumprir o plan de acción ferroviaria requirido por Bruxelas ao Goberno estatal.

Rego denunciou asemade a falta de transparencia do goberno do Estado e por iso reclama información detallada sobre o plan de acción ferroviaria xa enviado á Comisión Europea, pero do que aínda non se coñece ningún dato, así como información detallada das reunións mantidas entre o goberno estatal e a Comisión Europea. “Temos que criticar non só a falta de dilixencia do goberno español, senón tamén a falta de transparencia á hora de trasladar a información”, sinalou.

O deputado nacionalista criticou igualmente non só que siga sen facerse unha investigación independente do accidente do Alvia, senón que que a CIAF non fose renovada, como demandou o deputado do BNG no Congreso hai xa uns meses. "Estamos a uns días da celebración do accidente na capital galega e a sociedade galega e as vítimas non teñen resposta, é parte do desleixo que o Estado ten coa aposta pola mellora das infraestruturas ferroviarias e pola seguridade en Galiza", afirmou Néstor Rego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG