O BNG impulsa un acordo parlamentario para axilizar os trámites da Risga

O acordo acadado polo BNG  na Cámara galega  inclúe que as solicitudes rexistradas antes do 31 de marzo de 2014 se resolvan nun prazo máximo de dous meses

Adán defende a Moción do BNG para axilizar a Risga

A deputada do BNG, Carme Adán defendeu, onte a última hora tarde, unha moción para instar ao Goberno galego a adecuar o tempo de tramitación da Renda de Integración Social de Galiza, (Risga) e Axudas de emerxencia social ante os retrasos que superan, en ocasión, os 6-7 e oito meses.

A parlamentaria lembrou que na anterior sesión plenaria, “ a conselleira de Benestar culpabilizou aos traballadoras/es sociais dos retrasos” cando en realidade, afirmou, son persoas que todos os días manteñen un contacto directo coa pobreza e a exclusión social.

Neste sentido,  Adán, amosou o seu apoio e solidariedade ao colectivo de traballadores e traballadoras socias.

A moción nacionalista, votada hoxe en sesión plenaria, foi aprobada tras aceptar a deputada Carme Adán un texto transaccionado coa portavoz Partido popular, Marta Rodríguez, nos seguintes termos:

O Parlamento galego insta á Xunta a:

• Axilizar a tramitación da Renda de Inclusión Social de Galicia e das Axudas de Inclusión Social para adecuar o tempo aos prazos que marca a normativa vixente.

• Instar aos concellos, como administración corresponsable da tramitación da Renda de Inclusión Social de Galicia e das Axudas de Inclusión Social, a axilizar a tramitación dos expedientes, tal e como establece a Lei de Inclusión Social de Galicia.

• Acordar que a todas as persoas que teñan solicitada a Renda de Inclusión Social de Galicia pola Lei de Inclusión Social de Galicia e estean agardando pola resolución da mesma, superado os tempos legais establecidos, lle sexa recoñecido o dereito á percepción da Renda por silencio administrativo.

• Acordar que todas as solicitudes rexistradas antes do 31 de marzo de 2014 se resolvan nun prazo máximo de dous meses.

 

 

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG