BNG impulsa o acordo do Parlamento para mellorar a atención e os recursos para as persoas refuxiadas

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil lembrou que catro millóns de persoas xa abandonaron o seu país tras a invasión militar rusa en Ucraína e Galiza precisa unha política de acollemento con medios materiais e humanos

BNG acada un acordo unánime no Parlamento galego para mellorar a atención e os recursos para persoas refuxiadas e crear unha oficina específica en Galiza nesta materia.

A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, autora da proposición non de lei, iniciou a súa intervención cunha “condena rotunda” da invasión de Ucraína, unha guerra, dixo que deixa “milleiros de mortes, catro millóns de persoas refuxiadas e máis de sete millóns de persoas desprazadas internamente”. Rodil afirmou que a guerra,  “nunca é a solución a nada en ningúns país, continente ou pobo,  e só o diálogo e o “respecto escrupuloso ao dereito internacional”  é único camiño para a resolución de conflitos.

O acordo impulsado polo BNG no Parlamento galego inclúe reclamar do Goberno do Estado a dotación de recursos extraordinarios a disposición das comunidades autónomas e as entidades locais, de tal maneira que se repartan de forma solidaria os esforzos para ofrecer unha correcta atención ás persoas desprazadas, así como a promover as súa inclusión social e facilitarlle o acceso ao emprego.

No marco  das súas competencias , a Xunta de Galiza creará “unha oficina de apoio, asesoramento e acompañamento” de persoas refuxiadas e demandantes de asilo que cheguen  a Galiza dirixida a facilitar información e acompañar ás persoas migrantes que se atopen nesta situación así como continuar traballando, desde a coordinación co Goberno de España no plan de acollida para persoas refuxiadas que contemple, entre outras: medidas  de apoio psico-social, con especial atención a colectivos vulnerables como “mulleres, persoas discapacitadas e menores de idade”, en coordinación coas Comunidades Autónomas, e  unha vez aprobado, será desenvolvido e implementado pola Xunta de Galicia no ámbito das súas competencias.

Para a nacionalista, a solidariedade debe primar na acollida provocada polo  terror e as guerras, e o pobo galego coñece moi ben o significado da solidariedade  no memento que se viu obrigado a “fuxir da persecución política e da morte”, pero tamén sabemos o que é marchar do país por razóns económicas e de miseria.

 Galiza, engadiu “volcouse co pobo ucraíno como fixo con outros pobos do mundo” e durante estes meses vimos como persoas co seu vehículo ou alugando autobuses viaxaban para traer a persoas dende Ucraína. Sen embargo, no medio deste caos tamén medraron as estafas e os casos como os recentemente denunciados por trata de mulleres para seren explotadas sexualmente.

A intención da nosa iniciativa, indicou a deputada  vai na liña de ofrecer  garantías para que estas situacións non se produzan, de aí, que hoxe máis que nunca, sexa necesario este acordo para o establecemento de “estruturas estables  e permanentes” avaladas  pola administración pública co fin de amparar as  persoas demandantes de refuxio.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG