O BNG avanza as liñas estratéxicas para o sector vitivinícola que desenvolverá no goberno galego a partir do 18F para impulsalo e aproveitar as súas potencialidades. Entre as medidas, a cabeza de lista por Ourense destaca a elaboración dunha lei do viño de Galiza, apoio aos investimentos nos procesos de industrialización e reestruturación do viñedo e fomentar a implantación de contratos homologados como a mellor forma para estabelecer relacións contractuais entre o sector produtor e transformador. Alén do máis, avanza a reconstitución das distintas Mesas do Viño como ferramenta de interlocución do sector coa Administración.
“O sector vitivinícola ten enormes potencialidades no noso País e, sobre todo, en Ourense onde temos catro das cinco denominacións de orixe de Galiza. O sector do viño é estratéxico para o futuro de Ourense e, por iso, hoxe quixemos reafirmar o noso compromiso” afirma a cabeza de lista do BNG. Un sector, precisa Presas, que debe contar co apoio das institucións –nomeadamente a Xunta de Galiza- e un novo impulso e ordenación. Para isto, a organización nacionalista comprométese a traballar en tres liñas estratéxicas.
A primeira, explica a cabeza de lista, a elaboración “dunha Lei do Viño, consensuada co sector, que considere as súas potencialidades e inclúa medidas de financiamento e apoio aos investimentos que se precisan para a industrialización e para a comercialización, sobre todo para as pequenas adegas”. No relativo ao financiamento, o BNG desenvolverá medidas de reconversión e reestruturación do viñedo, con especial atención a “proxecto singulares” de agrupación de viñedos.
Medidas específicas, dentro do Banco de Terras, para fomentar á longo prazo o arrendamento de superficies do cultivo de vide “e tamén faremos programas específicos para a incorporación da mocidade”.
“En terceiro lugar, é necesario diálogo co sector e garantir a os nosos produtores prezos xustos. Por iso traballaremos na recuperación dos contratos homologados –como a mellor forma para garantir uns contratos xustos- como tamén reconstituiremos as diferentes mesas do Viño como unha ferramenta de interlocución e traballo constante co sector” apunta Noa Presas.
Fomentar, protexer, apoiar e impulsar
Entre as medidas defendidas polo BNG atópase o fomento das producións ecolóxicas e do uso de infraestruturas verdes nos viñedos para mellorar a biodiversidade, a pegada de carbono e hídrica, así como a sustentabilidade ambiental dos viñedos. “Hai que aproveitar a imaxe de Galiza para desenvolver unha estratexia de promoción conxunta das distintas zonas vitivinícolas e do enoturismo, tendo en conta, á súa vez, as especificidades de cada comarca” adianta o BNG.
Paralelamente, a organización nacionalista realizará un inventario dos viñedos máis antigos de Galiza, co fin de protexelos, favorecer a súa conservación e poñelos en valor. Do mesmo xeito, impulsará, desde o goberno galego, convenios para a Paisaxe nas comarcas vitivinícolas para a protección, xestión e organización dos seus valores.