O BNG goberna desde hoxe 32 concellos, dezasete deles con maioría absoluta, á espera de que o 7 de xullo se conformen as corporacións de Corcubión, Ribeira, Muros e Mazaricos, demora que se produce tras presentar o PSOE un recurso electoral.
Os dezasete concellos nos que o BNG gobernará con maioría absoluta son Carballo, Moeche, San Sadurniño, Santiso, Toques, Zas, A Pobra de Brollón, Catoira, Moaña, Mondariz-Balneario, Tomiño, Allariz, A Mezquita, Montederramo, A Teixeira, Verea e Vilar de Santos. A esta lista se sumará o concello de Mazaricos, municipio onde o Bloque revalidou a súa maioría absoluta o pasado 28M, co que terá a Alcaldía calquera que sexa o resultado do recurso interposto polo Partido Socialista.
Os concellos nos que o BNG lidera o goberno local son as cidades de Santiago de Compostela e Pontevedra, así como os municipios de Arzúa, Fene, Barreiros, Muras, Samos, Soutomaior, Barro, Bueu, Cangas, Pontecesures, O Rosal, A Rúa e Vilar de Barrio.
Pese a ser a forza máis votada ou a primeira alternativa ao PP en Ramirás, Viana do Bolo e A Guarda, o PSOE non facilitou un goberno liderado polo Bloque. O mesmo sucedeu no concello de Mugardos onde a falta de apoio de EU deu a Alcaldía ao PP.
Tras os resultados do 28M un total de 358.893 galegos e galegas residen en concellos gobernados polo BNG, á espera das catro corporacións pendentes de conformación, tres das cales dependen de pactos de gobernabilidade e nos que a formación nacionalista é a forza máis votada ou a primeira alternativa ao PP.
_______________