O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego e a cabeza de lista da organización nacionalista por Lugo nas eleccións galegas, Olalla Rodil, declararon á saída da reunión mantida co Comité de Empresa de Alcoa que BNG defenderá a intervención pública para manter a continuidade da factoría e o mantemento dos postos de traballo no caso de non cumprir Alcoa cos compromisos.
Néstor Rego deixou claro o apoio do BNG e a disposición a colaborar desde as institucións e desde todos os ámbitos para conseguir que “Alcoa cumpra o Acordo que ten asinado e os seus compromisos: que constrúa o forno de ánodos, que reinicie as cubas, que se poña en funcionamento a planta”. Sinalou que “vamos continuar a defender no Estado unha intervención pública si Alcoa non garante esa continuidade. Unha intervención pública que teña por obxectivo manter a actividade na Mariña, manter o conxunto dos empregos e darlle futuro a esta planta”.
Outras iniciativas que o deputado do BNG puxo enriba da mesa foron: a modificación do Estatuto do Consumidor Electrointensivo para establecer esa categoría específica de industria hiperelectrointensiva, a compensación por CO2 levándoa ao máximo que permita a UE, unha tarifa eléctrica galega que elimine, entre outros, os custes do transporte e faga mais competitiva a industria do noso País.
Olalla Rodil: “Se BNG goberna na Xunta, haberá participación do Goberno galego na intervención da fábrica”
Pola súa parte, Olalla Rodil trasladou “todo o apoio do BNG para darlle unha solución xa a esta conflito. Levamos demasiados anos con esta espada de Damocles enriba desta factoría e para nós é vital que se solucione xa dunha vez de maneira definitiva”.
Asegurou que se “a partir do 18 de febreiro conseguimos a confianza dos galegos e das galegas para gobernar este pais, o BNG vai poñer encima da mesa un compromiso firme de participar nunha intervención pública desta fábrica para darlle continuidade aos postos de traballo e a actividade industrial”. Salientou que Alcoa-San Cibrao é a única planta de produción de aluminio de todo o estado. “Falamos dun sector estratéxico polo que representa para o presente e para o futuro industrial do noso País. Se a partir do 18 gobernamos na Xunta vai haber unha participación do goberno galego na intervención da fábrica”.