O grupo parlamentario do BNG mantivo unha reunión de traballo coa Federación rural galega (FRUGA) para analizar liñas de actuación en relación ao sector primario tanto en cuestións a medio e longo prazo como naqueles aspectos que están a ser obxecto de nova regulación.
O portavoz de agricultura na Cámara, Xosé Luís Rivas, salientou como asuntos tratados o peche dos ciclos produtivos no sector agrogandeiro, -como vía para xerar maior valor engadido e por tanto mellores rendas para os produtores e produtoras-, a necesidade de non renunciar a un grupo lácteo galego, a comercialización dos produtos hortícolas, ou os protocolos da vendima no actual contexto de pandemia.
BNG e FRUGA acordaron estreitar a súa colaboración en aras de facer propostas a favor do medio rural, en particular naqueles asuntos que están en proceso de modificación normativa, como é o caso do proxecto lexislativo que trata a utilización dos zurros e como vai ser recibido polos sectores produtivos máis afectados.
Igualmente, foi obxecto de valoración o progresivo desmantelamento da investigación, formación e asesoramento no medio rural que está executando o goberno do PP.