O BNG fíxase como prioridade política a cita electoral do 26 de maio convencido de que o cambio que precisa Galiza comezará polos concellos e convencido de que está en disposición de liderar ese cambio porque conta cun proxecto sólido, unha organización cohesionada e co aval do traballo feito nos municipios nos que goberna.
“É necesario un cambio de 180 grados que vai empezar nos concellos como primeiro paso para desaloxar as políticas de recortes, a subordinación e a falta de ambición do Goberno de Feixóo que leva unha década empeorando a vida dos galegos e das galegas e facéndonos retroceder como país, perdendo oportunidades”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, nun almorzo informativo de arranque de curso.
Por iso, a cita electoral municipal será a prioridade política dos próximos meses para o BNG “porque queremos ser o motor que impulse e que lidere ese cambio necesario para abrir unha nova etapa en Galiza”, subliñou Pontón poñendo sobre a mesa as fortalezas da formación nacionalista.
“Temos todos as ferramentas para liderar ese cambio: Unha organización cohesionada, un proxecto solvente, o aval dos gobernos municipais que lidera o Bloque como exemplos de capacidade para transformar vilas e cidades e mellorar a vida das persoas, e temos moi avanzado o proceso de elaboración de candidaturas, cos cabezas de lista das grandes cidades xa presentados ante o electorado”, explicou.
“Ser o motor do cambio, liderar o cambio que Galiza precisa desde os concellos será a prioridade política do Bloque nos próximos meses, desde o convencemento de que é urxente ese cambio como primeiro paso para desaloxar ao PP do Goberno da Xunta e poñer fin a década de recortes, discriminacións e retroceso que supuxo Feixóo”, sintetizou a dirixente nacionalista.
En relación ás eleccións europeas, o Bloque tamén ten os deberes feitos, despois de que a militancia designase candidata, -Ana Miranda-, e a fórmula de concorrencia.
No plano do traballo parlamentario, Pontón citou tres cuestións “de urxencia” na axenda do Bloque: Garantir a continuidade de ALCOA, reverter a situación de precariedade e recortes na sanidade pública e medidas contra a escalada de prezos en servizos básicos.
Urxencias: ALCOA e sanidade pública
“Reclamamos a intervención inmediata do Estado a través da SEPI dada a chantaxe da multinacional e a súa negativa a negociar. Que non nos conte milongas sobre as nacionalizacións despois de ter rescatado á banca e as radiais madrileñas”, indicou Pontón, que tamén pon sobre a mesa a demanda dunha tarifa específica para empresas electrointensivas.
No caso da sanidade, “é imprescindible que Feixóo rectifique” porque os problemas no sistema público de saúde non se van solucionar nunha “comisión exculpatoria”.
“Despois do falecemento dunha persoa no PAC da Estrada e a dimisión en bloque dos xefes e xefas de servizo da área sanitaria de Vigo, que máis ten que pasar para que Feixóo rectifique?”, interpelaba a líder do Bloque. Como primeira medida propón incrementar en 200 M€ a atención primaria, que acumula un recorte de 2.000 millóns de euros en dez anos.
Igualmente, a portavoz nacionalista demanda do presidente da Xunta, “que deixe de mirar para outro lado ante esta escalada de prezos en servizos como auga, luz, tren, AP9, nun país á cola en salarios e pensións”.
Tren, AP-9, violencia de xénero, concerto económico
Pontón enumerou outras cuestións que tamén centrarán o traballo do BNG.
O obxectivo de lograr unha AP9 galega como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes, “como mínimo debería ter unha rebaixa inmediata do 30%, se se fai nas rescatadas radiais madrileñas por que aquí non?”, alega. Mellorar o transporte ferroviario de cercanias máis aló do Eixo Atlántico, en concreto na liña Ferrol-A Coruña, os servizos no interior do país, corrixir “o atraco” das tarifas do AVANT para os usuarios e usuarias do tren a Ourense e modernizar a liña FEVE entre Ferrol e A Mariña.
Dentro desa axenda parlamentaria, o BNG non vai renunciar a que Galiza se beneficie de ser produtora neta de enerxía, -cunha tarifa eléctrica galega-, nin a incrementar os recursos contra a violencia machista. “O primeiro será pedir explicacións a Feixóo sobre a posibilidade de que o PP negocie cun partido de extrema dereita que banaliza a discriminación e a violencia sistemática contra as mulleres”, indicou Pontón, quen de novo reclamará máis recursos para combater o terrorismo machista.
Por último, lograr un novo modelo de financiamento autonómico para superar o marco actual que discrimina Galiza a través dun concerto económico que permitiría contar con 3.500 millóns de euros adicionais.
O drama demográfico, as discriminacións do Estado en temas como a AP9, tarifa eléctrica, transporte ferroviario ou financiamento autonómico son algunhas das “nefastas” consecuencias dunha década de Feixóo subordinado a Madrid e sen ambición de país. “Urxe mudar esta situación e a mudanza empezará polos concellos”, concluíu Pontón.