O BNG fai un chamamento á reacción social ante os catastróficos dados do paro en Galiza

Montse Prado advirte que Galiza é a segunda comunidade onde máis medra e pregúntase que máis ten que pasar para que Feijóo reaccione e adopte unhas medidas diferentes ás que está aplicando até o de agora e que teñen como consecuencia directa un alto nível de desemprego

A voceira de emprego do G.P. do BNG, Montse Prado, fixo un chamamento aos cidadáns para reaccionar conxuntamente frente aos alarmantes dados do paro e impedir así que o PP desfaga o País e “nos conduza a unha situación de auténtico abismo social”.

Montse Prado, en declaracións aos medios, preguntouse qué máis ten que pasar para que a Xunta asuma que a situación é claramente de emerxencia, “este mes, e xa van moitos consecutivos, os dados feitos públicos son catastróficos para Galiza, pois miremos por onde miremos Galiza segue perdendo máis emprego que a media do Estado”.

A deputada nacionalista explicou que coas cifras na man, con 12.003 persoas máis desempregadas, camiño xa das case 300.000 en total, Galiza só está superada por Navarra “por iso é hora de que Feijóo faga algo e deixe de estar exclusivamente de comentarista”.

A parlamentar insistiu en que estes resultados son consecuencia directa das políticas do PP, do seu desmantelamento dos sectores productivos, da suba do IVE, da rebaixa dos salarios ou da falta de crédito, “medidas todas elas que non están solucionando nada senón que agravan o problema dos milleiros de familias que engrosan cada día as listas do paro”.

Para Prado, urxe a adopción doutro tipo de medidas e que Feijóo e a conselleira de Traballo, Bea Mato, dan a cara na Cámara para avaliar as cifras catastróficas de parados que se manexan e ofrezan alternativas. “Pedímolo en Novembro, en Decembro insistimos... até cando vai agardar o PP?”.

Corrupción

A preguntas dos xornalistas sobre os casos de corrupción que están aparecendo estes días nos medios de comunicación, tanto sobre o caso Bárcenas como sobre as contratacións de Baltar, Prado insistiu en que hai que depurar responsabilidades non só dos casos puntuais senón en xeral, “hai que dignificar a política e lembrar que estamos para servir os cidadáns e o primeiro que ten que dar exemplo de forma clara e contundente é Rajoy”.

A parlamentar tamén tivo palabras para Feijóo e lembroulle que cando un hereda algo hereda o bo e o malo, polo que é a súa obriga informar de “motu propio” da posíbel conexión con Galiza do escándalo das contas de Bárcenas, “no BNG estaremos expectantes e demandaremos que se aclare calquera ramificación con Galiza”.

 

http://youtu.be/DB5stxI_DvA

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG