O BNG expresa a súa máis enérxica condena ao asasinato da muller vítima do terrorismo machista

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego transmite a súa máis enérxica condena ao asasinato dunha muller en Lugo, vítima do terrorismo machista. As nacionalistas envían a súa solidariedade e apoio á familia e amizades da muller asasinada no día de onte.

O BNG fai un chamamento á sociedade galega para manifestar publicamente o rexeitamento á violencia de xénero, o maior síntoma de desigualdade entre mulleres e homes, e apela a mostrar unha actitude de tolerancia cero co silencio e coa complicidade. Así, as nacionalistas advirten de que as accións particulares, das persoas que coñecen os casos de violencia e de quen poida presenciar ou detectar agresións son achegas imprescindíbeis para loitar contra o terrorismo machista.

O Bloque Nacionalista Galega esixe que se considere esta cuestión como un asunto político principal e que se artellen e desenvolvan todas as medidas que conduzan a combater o sistema patriarcal. Na mesma liña, o BNG reivindica a autonomía das mulleres para saír con garantías da situación de violencia e camiñar cara a unha sociedade sen violencia e en igualdade entre homes e mulleres. Só a través da autonomía, as mulleres terán unha vida digna, conclúen as nacionalistas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG