O Bloque Nacionalista Galego defenderá na Comisión de Economía e Transformación Dixital do Congreso unha Proposición de Lei para solucionar as deficiencias e problemas de desconexión no proceso de extensión da fibra na Galiza, especialmente en distintos concellos e zonas do rural como é o caso de Lugo. A iniciativa insta o Goberno a adoptar as medidas que garantan a chegada da fibra óptica a 100% dos fogares galegos e coordinar coas operadoras a súa chegada.
A era do cobre chega ao seu fin e da paso á fibra óptica que substituirá ás antigas liñas fixas de teléfono e de conexión ADSL a internet. As distintas compañías e operadoras de telefonía son as encargadas de realizar a implantación dos novos tendidos e infraestruturas. Neste proceso de substitución, na Galiza están a presentarse numerosas eivas en distintas vivendas illadas, núcleos, lugares e parroquias do rural. Problemas, sobre todo, en zonas do rural de Lugo que quedan sen servizo de telefonía fixa, e tampouco contan cunha adecuada cobertura de telefonía ou datos móbiles.
O obxectivo é que o apagamento da era de cobre non sexa total en tanto non exista servizo alternativo, o que evitará a desconexión total de moitos fogares e negocios que, do contrario, terán importantes problemas nos servizos de teleasistencia, así como na realización de trámites administrativos ou bancarios e nas xestións diarias das empresas que dependen da conexión a internet para o seu traballo.
“O Goberno do Estado debe adoptar medidas para evitar que núcleos e vivendas do ámbito rural da Galiza queden desconectados ante o apagamento da era de cobre e garantir a chegada de fibra óptica á totalidade dos fogares” defende o deputado do BNG no Congreso. Así mesmo, engade Rego, o executivo ten que “coordinar coas operadoras de telefonía o proceso de extensión da fibra óptica no ámbito rural galego” de modo que non se produzan problemas de demora ou de ausencia de servizos.
A organización nacionalista urxe actuacións contundentes para que non se produzan problemas de demora, incumprimentos de datas e situacións de incomunicación e de illamento de núcleos de poboación ou de vivendas e se compatibilice adecuadamente a fase de substitución, sobre todo nas zonas escuras de cobertura de telefonía móbil que non terían alternativa.
“Por último, o Goberno debe informar adecuadamente á poboación sobre o apagamento do cobre e habilitar un mecanismo de reclamacións para que as persoas, especialmente ás do medio rural, damnificadas polo proceso de substitución poidan canalizar as súas queixas e reclamacións de forma fácil, áxil e directa” finda o deputado do BNG no Congreso.
Especial atención aos concellos do rural de Lugo
A frente nacionalista fai fincapé nos datos que proveñen dos concellos lucenses, sobre todo os do rural, e a enorme fenda dixital que sofren. “Lugo está á cola do Estado en cobertura de banda larga e abarca só 69,7% do territorio, unha cifra que se reducirá agora despois do apagamento das centrais de cobre” subliña o deputado nacionalista. Mesma a prensa, destaca Rego, recolleu xa varios casos da veciñanza –por exemplo- de San Martiño de Suarna, na Fonsagrada, ou outros lugares e parroquias do Corgo, Pol, Sarria, Samos Ourol, O Páramo, Muras, Ribeira de Piquín, etc.