Senado

BNG exixirá ao Goberno solucionar os erros e problemas do sistema VioXén

Carme da Silva
Carme da Silva

Carme da Silva preguntará ao goberno na sesión de control no Senado sobre problemas e deficiencias que ten o sistema de VioXén.

“Que medidas está adoptando o Goberno para garantir a protección das mulleres vítimas de violencia machista que están no sistema VioXén?” será a pregunta do BNG

Se o sistema falla, as mulleres non se poderán sentir protexidas, sinala Carme da Silva

A senadora do BNG, Carme da Silva, participará na última sesión de control ao Goberno do ano na cámara alta para urxilo a actuar e solucionar os fallos e problemas que están a producirse no sistema VioXén para a protección das mulleres que sofren violencia machista. Ás portas de rematar o ano e terminado o proceso de migración dun operador de telecomunicación a outro para o sistema Cometa, o balance é“ negativo, preocupante e debe supor a adopción de medidas con carácter urxente por parte do Goberno que permitan solucionar os erros”.

“Que medidas vai adoptar o Goberno para evitar a desprotección das mulleres vítimas de violencia machista que están no sistema VioXén?” será a pregunta que formulará a senadora nacionalista durante a vindeira sesión de control. Unha pregunta que obedece aos erros, problemas e deficiencias do sistema de protección das vítimas de violencia machista. No concreto, os erros que se están a producir no seguimento por medios telemáticos do cumprimento das medidas cautelares e penas de prohibición de aproximación en materia de violencia de xénero e violencia sexual, estabelecido no Sistema Cometa.

Rematada a migración do cambio de operador do sistema Cometa, os problemas non se estar a solucionar e, de facto, son numerosos os casos de enorme gravidade que están a acontecer. “Os fallos son frecuentes e graves. Non pode ser que as pulseiras dos maltratadores inculpados teñan erros até de xeolocalización e que as vítimas estean en constante estado de alerta por un mecanismo que falla clamorosamente, causando enorme estrés e angustia” denuncia Carme da Silva.

 “Moitas mulleres de risco alto e extremo que están no sistema Cometa están chamando para queixarse de que as ferramentas pitan constantemente, revitimizándoas e póndoas permanentemente nunha situación de alerta” alerta a senadora do BNG. As avarías do sistema GPS, que marcan posicións incorrectas dos maltratadores e con importantes saltos de espazos de localización, constitúen un importante perigo que “o Goberno debe solucionar”.

Breve introdución á hemeroteca do sistema Cometa

O 20 de xullo de 2023 publicouse na Plataforma de Contratación do Sector Público o anuncio de licitación do procedemento para a contratación do servizo integral do Sistema de seguimento por medios telemáticos do cumprimento das medidas cautelares e penas de prohibición de aproximación en materia de violencia de xénero e de violencia sexual cun orzamento de 50.075.078,29 euros. O denominado sistema Cometa.

O 5 de setembro de 2023, a Mesa de contratación procedeu a dar o visto e prace á oferta presentada pola UTE Vodafone-Securitas que pasou a substituír á prestada pola anterior operadora con Movistar.  O cambio de operador realizouse en xaneiro, levándose a cabo a migración do sistema dun operador ao outro no período comprendido entre febreiro e maio de 2024.

O sistema Cometa de seguimento por medios telemáticos destínase a mulleres vítimas de violencia machista de risco alto ou risco extremo. O sistema de seguimento está centralizado en Madrid onde traballan aproximadamente 150 persoas para atender todo o Estado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG