A portavoz de Educación do Bloque Nacionalista Galego, Alexandra Fernández, denunciou na Comisión 2ª, Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, a problemática na tramitación das axudas ao alugamento de vivenda deste 2024 por parte do goberno do Partido Popular.
Nun contexto de incremento de prezos desmedido para alugar, en que moitas persoas dependen directamente destas axudas para poder facer fronte ao pago das súas rendas e manter a súa a vivenda, a Xunta do Partido Popular dilata prazos e xera maior indefensión e vulnerabilidade das persoas. A deputada nacionalista criticou as políticas de “aporofobia” por parte do goberno que dificultan acceder a estas axudas ás familias que son máis vulnerables.
O prazo de solicitude das axudas ao alugamento de vivenda deste ano comezou o día 15 de xaneiro e rematou o día 29 de febreiro. Fernández preguntou polas solicitudes que recibiu a Xunta de Galiza para as axudas iniciais ao alugamento de vivendas neste ano e porque a día de hoxe non foron resoltas.
Segundo o establecido na resolución do 18 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do programa de axuda ao alugamento de vivenda, “a normativa establece que as solicitudes se tramitarán de forma cronolóxica, conforme van entrando no rexistro” apuntou a deputada.
Por tanto, Alexandra Fernández salientou que dende a mesma apertura do prazo de solicitudes, “a Xunta xa podería iniciar a tramitación e resolución dos expedientes”. Da mesma maneira, destacou que, segundo a normativa establecida dende que se presenta a solicitude a administración “dispón de tres meses para ditar e notificar” a concesión das axudas e das súas prórrogas.
A norma indica que unha vez transcorrido este prazo de tres meses sen que se dite e notifique a resolución, “a persoa interesada debe entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo” explicou. Son numerosas persoas as que están denunciando que non teñen recibido notificación por parte da Xunta, “xerando unha situación de incerteza e desasosego”.
Tendo en conta que non é a primeira vez que a Xunta do Partido Popular fai unha pésima xestión das axudas, a inseguridade é maior. O BNG exixe á Xunta resolver e notificar a todos os solicitantes o estado da súa solicitude, así como facer o pago inmediato destas axudas.