BNG reclama á Xunta que se deixe de anuncios e remate “co proceso de demolición do distrito sanitario de Valdeorras, garantindo os servizos básicos que se lle requiren a calquera hospital comarcal digno de tal nome”. Así o demandou a deputada nacionalista María Albert, quen participou xunto a unha ampla representación do Bloque, entre a que tamén se atopaban a deputada Noa Presas e o deputado Iago Tabarés, na manifestación celebrada no Barco convocada pola xunta de persoal do propio hospital baixo o lema “Salvemos o noso hospital e os centros de saúde”.
Albert exixiu ao Goberno do PP que escoite á cidadanía da comarca, mobilizada porque está “farta de promesas na prensa cando no seu día a día se enfronta á dura realidade da falta de atención sanitaria básica” e, neste sentido, afeou o anuncio realizado polo conselleiro de Sanidade, quen na súa recente visita a Valdeorras, tres días antes desta manifestación, comprometeu a incorporación de tres especialistas en traumatoloxía no hospital comarcal.
“Primeiro, haberá que ver que acontece en realidade con este novo anuncio e, segundo, aínda que se faga efectivo, non soluciona, nin moitísimo menos, un problema que se concreta nun desmantelamento estrutural da asistencia sanitaria na comarca e que representa ademais un intento pouco democrático de parar a mobilización social por parte dun Goberno que debería ocuparse de buscar solucións e non facer anuncios publicitarios que, por outra banda, a cidadanía non compra porque está máis que farta de promesas”, censurou.
A deputada nacionalista reprochou ao conselleiro que na súa visita “insultara gravemente” aos veciños e veciñas de Valdeorras ao asegurar que saír á rúa para desprestixiar a sanidade pública non é a mellor solución. “Dende o BNG entendemos que os únicos que desprestixian a sanidade pública en Valdeorras son os responsables dunha Xunta que non garante que o hospital teña os servizos básicos que se lle requiren a calquera hospital comarcal digno de tal nome e que, polo tanto, a cidadanía desta comarca estea convertida nunha cidadanía de segunda, sen acceso ao seu dereito fundamental dunha atención sanitaria digna”, recriminou.
Neste sentido, advertiu que o distrito sanitario valdeorrés, que contaba no seu momento cunha carteira de servizos “moito máis que digna”, atópase sometido a un “proceso de demolición” por parte do Executivo de Núñez Feixóo que, coa desaparición da antiga área sanitaria, ten convertido “o noso hospital en pouco máis que un centro de especialidades”. Así, explicou que nos últimos anos o hospital “tense deteriorado ata límites insoportables”, o que argumentou coa evidencia dos datos: “de ter ata 5 profesionais de cirurxía en 2017, a día de hoxe só contamos con 1; en traumatoloxía había tres especialistas e a día de hoxe só queda 1; nos servizos de radiodiagnóstico, só quedan 2 profesionais, un deles exento de gardas, o que provoca que se estean desprazando doentes dende Valdeorras en ambulancia, cando se pode, ata Ourense”.
A todo isto, a deputada nacionalista engadiu que faltan de igual xeito profesionais de xinecoloxía e advertiu que, neste momento, tamén está sendo atacada a área de Medicina Interna, dado que o Sergas está facilitando citas en Ourense “cando este era un servizo que tiña en Valdeorras ata 10 profesionais”. “Por riba, outros servizos que estaban totalmente asentados no hospital, como dermatoloxía, rehabilitación, otorrinolaringoloxía ou cardioloxía, son servizos que foron desaparecendo pouco a pouco e que, hoxe por hoxe, dependen de visitas para consulta externa por parte de profesionais que se desprazan tamén dende Ourense”, reprobou.
Neste contexto e fronte aos que cualificou como “burdos intentos de desmobilización” por parte do Goberno do PP, Albert mostrouse convencida de que a concentración de hoxe representará un punto de inflexión, “pero non o final do camiño na reivindicación dos cidadáns e cidadás de Valdeorras polos seus dereitos a unha sanidade pública de calidade”. “Porque o que estamos a ver é que a Xunta está disposta a rematar co hospital comarcal e aí terá sempre enfronte á cidadanía de Valdeorras e, xunto a ela, ao BNG”, concluíu.