Co mesmo espírito co que no 2021 impulsou a Lei Ángeles Álvariño de igualdade na ciencia e na investigación, o BNG defendeu este martes no Pleno do Parlamento unha proposición de lei para crear unha fundación galega da ciencia, a Innogal, como ferramenta para impulsar a I+D+i galega, situala “a carón das mellores” e convertela no “grande motor que impulse e mova Galiza”.
“Con esta lei, desde o BNG queremos construír un grande Pacto Galego pola Ciencia”, asegurou a viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil, encargada de defender a lei que “leva o logotipo do BNG pero que é resultado dun traballo colectivo de varios anos no que participaron os centros e grupos de investigación universitaria de Galiza e o persoal investigador deste País.
De feito, subliñou Rodil, esta foi a segunda vez que o Bloque someteu a votación a súa proposta, que o Parlamento xa debateu na anterior lexislatura. Foi, tamén, a segunda vez que o PP votou en contra. Na primeira desdeñou “con fervor” a iniciativa nacionalista, malia que só un ano despois anunciou como “medida estrela” unha fundación en I+D+i.
“Tan resesa é a nosa iniciativa, tanto se nos pasou o arroz, que un ano máis tarde de que a trouxera o Bloque, empezouna a anunciar o PP, que nola copiou pero mal. É por iso que trouxemos de novo ao Parlamento a nosa lei, na súa literalidade”, replicou Rodil aos argumentos dos populares, aos que tamén recriminou que boten pola borda as aportacións dos investigadores e investigadoras coas que traballou o BNG “mentres na Xunta lle pechaban a porta nos fociños”.
Xusto no Día das mulleres e as nenas na ciencia, Rodil presentou a Innogal como “primeiro chanzo” do Pacto Galego pola Ciencia que propón o BNG. Trataríase, explicou, dun organismo público que actúe como “ferramenta útil para despregar un programa forte e ambicioso de retención, captación e retorno de talento, mais tamén para deseñar e planificar unha política de I+D+i integral, promovendo a igualdade de xénero e coñecemento como o que é, un ben común ao servizo da sociedade”.
A Innogal, explicou máis polo miudo, está concibida para que a I+D+i feita en Galiza avance en dous planos. O primeiro, nunha carreira investigadora “completa, estable e digna” que permita reter, atraer e retornar talento investigador, promovendo ademais a produción científica galega en todos os ámbitos, tanto básica como aplicada, “desde os primeiros chanzos até a excelencia”. O segundo, unha planificación “integral e estratéxica” da I+D que garanta o apoio constante e transversal “máis aló de lexislaturas e gobernos”, dotando de continuidade e orzamentaria ás políticas no eido da ciencia e da investigación.
Segundo expuxo Rodil, malia o incremento investidos dos últimos anos, Galiza sitúase aínda por baixo da media do Estado en I+D+i en relación ao PIB. Os últimos datos do IGE, detallou, indican que Galiza está no 1,25 % fronte ao 1,49 do Estado e o 2,3 % da Unión Europea.
A viceportavoz parlamentaria do BNG destacou, por outra banda, a oportunidade da lei nacionalista nun momento de “enormes cambios” tanto no ámbito tecnolóxico como no enerxético, no biomédico ou no industrial. “Galiza ten que dotarse de ferramentas que fortalezan a nosa posición como País para abordar, desde nós, partindo das nosa propias capacidades e da nosa propia realidade, todas esas mudanzas”, asegurou Rodil, que advertiu dos riscos que supón a dependencia do coñecemento “que se produce noutras latitudes”.
Coidar o enorme potencial que ten Galiza
A deputada nacionalista argumentou así mesmo a oportunidade e vixencia da proposición de lei para crear a Innogal porque o ecosistema investigador está “máis maduro e mellor preparado para dar un salto adiante e impulsar o enorme potencial se somos quen de achegarlle, de artellar, novas ferramentas ao seu favor”.
“Temos persoas de enorme talento que con grande esforzo e moitas dificultades fai medrar Galiza, sitúan o noso país no panorama internacional e contribúen a desenvolver social, económica e culturalmente a sociedade galega”, asegurou, facendo unha chamada a “coidar” o colectivo. “Hai que coidalas, darlles condicións de traballo dignas, garantir estabilidade e contornas laborais estimulantes e motivadoras, e para conseguilo o primeiro é ter a tranquilidade dun contrato laboral estable”, dixo.