Parlamento Galego

BNG denuncia que o PP vota a favor do acordo UE-Mercosur no Parlamento galego

Secundino Fernández
Secundino Fernández

Secundino Fernández advertiu que este é un acordo que prexudica enormemente as explotacións e as producións agrarias galegas

O BNG denuncia que este acordo trae consigo un grave problema para os consumidores, pola falla de garantías sanitarias das producións do Mercosur

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Secundino Fernández, presentou unha moción no Parlamento para que o Goberno galego rexeite o acordo MERCOSUR-UE polas graves repercusións que terá no sector agrogandeiro galego.

Secundino Fernández advertiu das graves consecuencias que este tratado pode ter sobre a produción galega de carne de vacún, avícola e mel, debido á entrada masiva de produtos de América do Sur sen garantías de cumprimento dos estándares europeos de calidade e seguridade alimentaria. “Un tratado que terá graves repercusións nas nosas explotacións agrarias e nas labregas e labregos; sobre todo nas zonas de montaña onde están situadas a maioría das explotacións de vacún de carne e a produción apícola” salientou.

Este tratado trae consigo un grave problema para os consumidores pola falla de transparencia e certificación das condicións da produción nos países do Mercosur. O deputado nacionalista exemplificou como se traballa en países como o Brasil ou Arxentina, onde están autorizados produtos prohibidos na UE. Tamén destacou que os cultivos e cría de gando son realizados “en condicións moi diferentes”, debido a que se permite o uso de pesticidas, antibióticos e pensos que “están restrinxidos na Unión Europea e se aplican con distintos estándares ou doses”, así como os controis en orixe “que son moi distintos e pouco estritos” apuntou.

Esta situación vai dar como resultado que entren no mercado europeo e por seguinte, no galego, producións en fresco ou como produtos transformados que non cumpren cos estándares europeos. “Para o BNG resulta incomprensíbel que se impulsen macro acordos comerciais que provocarán o empobrecemento e a desaparición de pequenas e medianas explotación e a entrada de produtos alimenticios sen garantías” subliñou Fernández.

O deputado nacionalista criticou que este acordo non vai abrir o mercado a 280 millóns de consumidores para as empresas e produtores europeos e polo tanto tamén para os galegos. Fernández advertiu que van entrar alimentos, producións agrarias “de menor calidade, sen garantías pero a un prezo moi inferior e van inundar os mercados”, que afectará directamente cunha baixada de prezos que fará inviábeis moitas explotacións galegas.

A moción do BNG para que o rexeitamento por resolución o acordo MERCOSUR-UE no Parlamento polas graves repercusións que vai ter no sector agrogandeiro galego; e transmitir esta posición ao Congreso, ao goberno do Estado, ao Parlamento Europeo e a Comisión Europea, non saíu adiante cos votos en contra do Partido Popular.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG