O BNG entende que a suba do SMI é unha medida necesaria pero na cuantía aprobada, insuficiente. Lembra que para o cumprimento da Carta Social Europea, asinada polo Estado español, a suba ten que chegar a 1.320,04 euros/mes, representando 60% do Salario Medio. A suba acordada no Consello de Ministros e Ministras, polo tanto, para o BNG non é satisfactoria.
De feito, lembra a organización nacionalista, a Confederación Intersindical Galega (CIG) ten presentada unha reclamación colectiva ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais que está case lista para ser resolta e na que se reclama ao Estado español que estableza unha contía suficiente para o Salario Mínimo.
Sobre a tributación do IRPF das persoas perceptoras do SMI, o BNG rexeita a aprobación desta medida no Consello de Ministros e Ministras e adianta que traballará para evitar este tipo de política fiscal. Para a organización nacionalista é necesario ir cara a unha política fiscal máis xusta e redistributiva -por iso o BNG impulsou no seu momento manter o gravame ás enerxéticas- facendo que pague máis quen máis ten. “Rexeitamos gravar o salario mínimo co IRPF. Hai que gravar as rendas do capital, non do traballo” sinala o deputado do BNG.