Parlamento Galego

BNG acusa a Rueda de traspasar todas as liñas vermellas en sanidade cun conselleiro que “escandaliza a todo o mundo”

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado reclama ao Goberno do PP que deixe de negar a realidade sobre o deterioro da rede pública de saúde e aplique medidas estruturais

A deputada do BNG Montse Prado acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de cruzar todas as liñas vermellas na sanidade poñendo á fronte a un conselleiro que “ten escandalizado a todo o mundo”. “O PP con Rueda á cabeza nunca tomou en serio a situación, mais agora cruzaron todas as liñas vermellas, colocando á fronte da consellería con maior gasto da Xunta e con maior impacto social un conselleiro que ten a todo o mundo escandalizado. Coida que na vez de conselleiro, é un mediocre monologuista, actuando desde a barra dun bar”, asegurou.

A portavoz parlamentaria de Sanidade fixo estas declaracións durante o debate dunha moción no Pleno para reclamar á Xunta que tome medidas que remedien a “situación crítica” que vive o sistema público de saúde en Galiza, á fronte do cal está un conselleiro que vén de dicir que non fai falta que os nosos maiores vaian aos centros de saúde porque manexan a APP do Sergas “que te cagas”, que “á saúde se lle deu un valor que non sei ata que punto é así” ou que “temos unha das esperanzas de vida máis altas, polo tanto moi enfermos non debemos estar”.

Palabras que a deputada nacionalista lembrou para que quedase constancia no Diario de Sesións do Parlamento de quen está ao mando en Sanidade e porque un conselleiro, afeoulle, non pode “cachondearse” da definición que a OMS fai da saúde comparándoa cun “orgasmo” nin pode insinuar que as operacións de cataratas só valen para quen le moito.

 “Os nosos maiores non son mobles, opéranos de cataratas para ter unha vida digna, desenvolverse mellor, ver a cara dos seus familiares e non quedar cegos”, advertiu a deputada nacionalista, para quen as declaracións de Antonio Gómez Caamaño son “escandalosas” máxime cando os usuarios do Sergas sofren a diario os “graves problemas” dun sistema que ten rexistradas 389.252 persoas en listas de espera hospitalaria, 30.000 máis que no 2019, antes da pandemia. Un sistema no que, engadiu, hai 220.000 persoas agardando por unha primeira consulta (3.000 máis que en 2019); 52.000 agardando por unha intervención cirúrxica (3.000 máis); ou 119.000 pendentes dunha proba diagnóstica (24.000 máis).  

“Hai listas de espera de dúas e tres semanas para unha consulta en Atención Primaria, os servizos de urxencias están saturados e o nivel  de temporalidade de facultativos e enfermería é de máis do 50 %”, afondou a deputada nacionalista, que tirando de ironía respecto das declaracións do conselleiro asegurou que os galegos que agardan para ir ao médico “van por deporte” porque “enfermos, moi enfermos non están”.

Montse Prado reprochoulle ao Executivo do PP que, malia a situación de deterioro da sanidade, en 16 anos non adoptou ningunha medida estrutural e “moi ao contrario, basea a súa política sanitaria en dar unha imaxe de normalidade que ninguén ve, a base de minimizar, ignorar e mentir sobre a verdadeira situación de deterioro, falta de profesionais e recursos, da marea de desatención que está arrasando a saúde dos galegos e das galegas”, agregou. 

Como exemplo da política do PP e a falta de planificación estrutural para facer fronte a problemas que se repiten ano tras ano máis aló dos picos estacionais, Prado referiuse na súa intervención ao plan invernal 2024-25, que definiu como “un novo exercicio de publicidade que só contempla meros parches”. Entre estes, mencionou a modificación de axendas en Atención Primaria para dar prioridade ás patoloxías respiratorias a costa de seguir aumentando as esperas do resto de patoloxías; a intensificación nos PAC de tratamentos para evitar derivacións a Urxencias; a axilización de altas que non estaban previstas nos hospitais ou á “medida estrela” de facer seguimento da “automedicación” dos e das galegas a través das farmacias sentinela. 

“Os colapsos polo aumento de procesos respiratorios, son previsíbeis, soluciónanse con planificación e recursos, cuestións das que o PP nin se ocupa nin se preocupa”, agregou a portavoz nacionalista de Sanidade, para reclamar aos populares que “deixen de negar a realidade da sanidade pública galega” e abandonen a “opacidade e o escurantismo”, xa que “só desde a realidade da sanidade pública se poden poñer en marcha as medidas axeitadas.

É por iso que o BNG defendeu non Pleno unha moción contra a que votou o PP malia que o obxectivo principal da mesma era reclamar información para, logo, adoptar as medidas estruturais precisas. Información como a relación de centros de saúde con prazas estruturais sen cubrir, condicións laborais do cadro de persoal sanitario, medidas e recursos para reducir as listas de espera ou situación dos sete hospitais de distritos e dos servizos de urxencias.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG