“Como eurodeputada galega do BNG promovín hoxe no Parlamento Europeo unha denuncia contra eses plans obscenos que ten o presidente Trump de querer expulsar aos palestinos da súa terra, de Gaza”, explica Ana Miranda tras a acción desenvolvida hoxe á entrada do hemiciclo de Estrasburgo e na que participaron eurodeputadas e eurodeputados de tres grupos políticos: Verdes-ALE, The Left e S&D. Esta iniciativa desenvolveuse baixo o título “Gaza non se vende”.
Segundo destaca a eurodeputada do Bloque, despois do que leva sufrido o pobo palestino polo xenocidio cometido polo Estado sionista de Israel, “non podemos permitir que eses palabras, segundo as cales quere expulsar a unha poboación, e que sería un delito internacional, se leven a cabo”.
Ademais, Miranda reclama que a Unión Europea “se molle e diga algo”. Ao seu xuízo, a UE ten que “combater esas políticas anexionistas e eses delirios que ten o presidente Trump”, que a semana pasada manifestou a súa intención de “Gaza na Riviera de Oriente Medio”, expulsando aos dous millóns de palestinos habitantes da Franxa de Gaza.
Entre as múltiples actuacións que Ana Miranda ten desenvolvido recentemente neste eido, ademais das numerosas intervencións plenarias, destaca o envío dunha carta dirixida tanto á presidenta da Comisión, Ursula Von der Layen, como ao presidente do Consello, Antonio Costa, para que as institucións europeas tomen medidas e manifesten unha posición da Unión Europea firme e contundente.
Xustiza internacional
Ademais, como convidada especial polo seu papel relevante na defensa do dereito do Pobo Palestino e na denuncia do xenocidio en Gaza, a eurodeputada galega participou recentemente na reunión inaugural do denominado “Grupo da Haia”. Esta iniciativa diplomática internacional -liderada por Sudáfrica, Colombia, Chile, Namibia, Honduras, Belice e Malaisia- ten por obxectivo a defensa da xustiza internacional en Gaza, ademais de subliñar a solidariedade internacional co Pobo Palestino e impoñer medidas xurídicas, económicas e consecuencias diplomáticas fronte ao xenocidio cometido por Israel.