A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, a deputada do BNG, Carmela González, exixiu á Xunta o cumprimento do compromiso formulado polo vicepresidente 2º e conselleiro de Industria, no pleno do Parlamento galego no que afirmou que resulta prioritario para a Xunta “garantir a carga de traballo e o emprego” no estaleiro de Barreiras.
A deputada indicou que 118 traballadores están en ERTE e coa ameaza dun ERE extintivo ao que sumou as débedas impagadas a 160 empresas por valor de 12,5 M€. Esta situación, dixo, fai que o estaleiro se atope en proceso de liquidación e concurso de acredores e en proceso de venda da unidade produtiva, segundo a recente declaración do Xulgado do Mercantil nº3 de Vigo.
Se Barreras desaparece, recalcou a deputada, “o futuro do sector naval de Vigo sufrirá un importante mazazo” que durante 12 anos xa perdeu 4.700 postos de emprego industrial e 20.000 permanecen paradas.
Por outra parte, dixo, o actual proceso de Barreras a través da figura prepack concursal permite axilizar os prazos coa “modificación da composición, condicións e estrutura dos activos e do pasivo ou de calquera outra parte da estrutura do capital do debedor”, e dicir, “permite ventas de activos ou de partes da empresa”. Ante a posibilidade dunha venta que “esnaquizará” a empresa e terreos privados vendidos por reparado, reducindo a superficie do estaleiro e a súa capacidade produtiva, a nacionalista preguntou ao Director xeral do IGAPE, Fernando Guldris, se a Xunta era coñecedora da intención de desfacer a empresa.
Ademais, recalcou que “a situación da industria auxiliar está ao límite” e explicou que a débeda de Ritz Carlton con estas empresas ascende a 12,5M€, maioritariamente auxiliares e provedoras de Vigo e da súa área. “160 empresas na lista de acredores pendentes do proceso de liquidación e que viven con tensión a resolución de Barreras porque para moitas destas empresas, o seu futuro vai unido á capacidade produtiva do estaleiro”.
Na actualidade, explicou, na construción naval, as empresas auxiliares e provedoras executan boa parte dos traballos a bordo dun barco en Vigo e esta cidade continua sendo unha referencia no sector porque non existe en Europa unha rede tan tupida e especializada como a das empresas da Ría de Vigo.
Durante a súa intervención, a deputada do BNG preguntou ao responsable do IGAPE si Barreras liquidou débedas ás empresas auxiliares tras recibir cartos públicos e con relación aos créditos concedidos a estas empresas en que situación se atopan.
A xuízo da nacionalista, a recente historia de Barreras foi un “auténtico despropósito” como constatou “o fiasco de PEMEX” que viu da man do presidente Feixóo anunciando “a bombo e prato un maná” que sería a salvación definitiva de Barreras e despois, a venda a Ritz Carlton, froito da viaxe do Presidente da Xunta a Miami e coa escusa de rematar o minicruceiro Evrima, que finalmente foi trasladado a Santander deixando en Vigo “débedas millonarias, o estaleiro sen carga de traballo e o persoal en ERTE”.
Urxe un Plan industrial para revitalizar o naval en Vigo
En 12 anos de goberno na Xunta de Galiza, o PP non foi quen de artellar un Plan Industrial nin para Barreras, nin para o sector naval de Vigo, as actuación do goberno do PP nesta materia non foron máis que “actuacións erradas, parches que non só non arranxaron a situación, senón que puxeron ao estaleiro e ao sector nunha situación crítica”, aseverou Carmela González. Neste sentido, cominou á Xunta a “ trazar unha folla de ruta para Barreras e para a construción naval na Ría de Vigo que apuntale un sector estratéxico en termos económicos e de xeración de emprego”, comezando por “intervir” no estaleiro vigués.
Que medidas vai adoptar a Xunta de Galiza para garantir o mantemento dos postos de traballo, unha vez que remate o eventual proceso de traspaso da unidade produtiva?
A Xunta estableceu contactos con algún organismo do goberno do estado en relación a Barreras? Coñece a Xunta canto diñeiro público inxectou o Estado a Barreras e que posibilidades hai dun rescate por parte da SEPI? Está a Xunta de Galiza a traballar nun plan industrial para Barreras e o sector naval da Ría de Vigo? Desbota a Xunta de Galiza participar no capital e dirección do estaleiro para controlar a xestión dos cartos públicos no estaleiro?
Tras a intervención do titular do IGAPE, Fernando Guldris, a deputada do BNG lamentou que o membro do goberno eludira responder as cuestións formuladas e reducira a súa resposta ás veces que a Xunta inxectou cartos para reflotar o estaleiro pero sen formalizar “ningún compromiso” do goberno galego para garantir carga de traballo e o emprego.
Dende o BNG, agardabamos outra resposta na liña de establecer, entre Xunta e compradores, “un diálogo” para mudar algunhas das condicións. Lamentamos, que unha vez máis, a “xunta mire para outro lado” e non ofreza ningunha solución aos traballadores ao que sumou o anuncio da empresas auxiliares de paralizar o proceso de “esnaquizamento da sociedade”, cuestión sobre a que o director do IGAPE tampouco se pronunciou.
Carmela González rematou cun titular do Faro de Vigo : “Barreras preocupa, e moito, a toda a sociedade viguesa” para ilustrar que o estaleiro é fundamental para a cidade polo que volveu a preguntar que pasos está a dar a Xunta para que Barreras “non se desgaxe e teña futuro”