parlamento galego

BNG exixe á Xunta a crear unha mesa da automoción e impulsar medidas co fin de evitar a deslocalización

Brais Ruanova
Brais Ruanova
O deputado Brais Ruanova denuncia a perda de calidade laboral no sector, a temporalidade do emprego, a dependencia dos ritmos de traballo das auxiliares aos ritmos de Stellantis e o incumprimento dos dereitos laborais.

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Brais Ruanova, exixiu no Parlamento a creación dunha mesa da automoción con presenza da Administración, os tres sindicatos máis representativos de Galiza, patronal e unha representación do Sistema Universitario Galego. “Un sector que da traballo a preto de 25.000 persoas en Galiza, que representa case o 15% do emprego industrial do país, case o 25% das exportacións” salientou.

O BNG insta ao goberno do Partido Popular a crear un necesario foro de cooperación entre todos os actores do sector. Un foro que analice o impacto que sufrirá o sector a futuro, que aposte por un emprego de calidade e de longa duración e que aposte decididamente por diminuír a dependencia das empresas do sector de Stellantis.

Esta empresa debería ser o elemento tractor deste sector, xa que preto de 150 empresas prestan servizo só ou principalmente para ela. “Infelizmente Stellantis leva practicando a deslocalización de actividades de hai bastante tempo, o que deixa fóra de xogo a estas empresas auxiliares no tocante ao novo contexto de mobilidade e á fabricación dos vehículos do futuro” explicou.

“Un sector que leva berrando por axuda durante máis dunha década e que tivo a un goberno diante que sempre lle virou as costas” denunciou o deputado, que apunta que “hai que remontarse a 2008 para poder celebrar a instalación dunha factoría da automoción en Vigo”. “O goberno galego é o único goberno, que tendo un sector da automoción tan importante na súa economía, nunca apostou por atraer unha fábrica de compoñentes do coche eléctrico para Galiza”.

Ruanova destacou que a situación deste sector, vital para a economía galega, debería ter motivado un plan industrial para o mesmo por parte da Xunta de Galiza que atendera a cuestións como previsións futuras ante a mudanza no paradigma de mobilidade, a consolidación dun emprego de calidade, evitar a deslocalización de actividades e investigación conxunta coas universidades, entre outras cuestións.

O deputado nacionalista alerta da “perda de calidade laboral no sector”, na que está á orde do día a aplicación de ERTES “como ferramenta de desregularización da xornada laboral”, a temporalidade do emprego, “a dependencia dos ritmos de traballo das auxiliares aos ritmos de Stellantis e o incumprimento dos dereitos laborais das persoas dos centros especias de emprego”.

Brais Ruanova critica as medias económicas anunciadas para paliar o impacto sobre a industria auxiliar da deslocalización de pedidos por parte de Stellantis. “Cando se aplican sen control algún, non son garantía de que se manteñan a actividade e o emprego de calidade, como xa demostraron os máis de 81 millóns de euros entregados a Stellantis en 10 anos” explicou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG