Bloque Nacionalista Galego rexistra unha batería de iniciativas sobre o estado e servizos que presta a Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos após coñecer a situación de declive e a ausencia dunha estratexia que permita ofrecer un servizo público de calidade. A formación nacionalista exixe o mantemento do servizo público universal de Correos e a distribución de paquetaría con persoal propio. Así mesmo, urxe os datos comparativos entre 2011 e 2021 para coñecer a redución de horas de atención ao público nas oficinas da Galiza e a diminución dos carteiros e carteiras no rural.
O BNG traslada ao congreso a preocupación polo deterioro do servizo prestado por Correos na Galiza, particularmente pola redución de carteiros e carteiras rurais e tamén do número de horas totais de apertura de oficinas de atención ao público no ámbito rural no noso País. “Reclamamos os datos de persoal de 2011 e de 2021 para constatar o recorte no persoal de Correos e polo tanto nun servizo público esencial como o que presta”, explica Rego.
Ademais, o deputado nacionalista recrimina ao Goberno a ausencia dunha estratexia en prol do mantemento da actividade de Correos, especialmente en sectores relevantes como a distribución de paquetes, que agora realiza Correos Express, para o que opta de forma crecente pola contratación de persoas autónomas. “Este tipo de actuacións son, no fondo, unha maneira de privatización, baleira de clientes a empresa matriz e provoca unha verdadeira situación de canibalismo empresarial” denuncia Néstor Rego. Por este motivo, a organización nacionalista demanda un cambio de rumbo nas políticas levadas a cabo polo executivo estatal e apostar por realizar todos os servizos con persoal propio e pola diversificación da súa actividade, partindo do mantemento do servizo público universal de Correos.
Nese sentido, o BNG propón recuperar a Caixa Postal e prestar servizos financeiros a través da súa rede de oficinas, o que “resultaría especialmente relevante nas zonas rurais, onde estes servizos se achan exclusivamente en mans privadas que están fechando as sucursais e deixando sen atender unha poboación que se ve privada dun servizo esencial”.
Rego enfatiza que con este servizo a entidade pública “podería potenciar, por exemplo, o seu papel como axente de desenvolvemento económico favorecedor da cohesión social, contribuíndo a garantir o seu futuro e o dos seus traballadores e traballadoras”.
Por outra parte, o BNG interesouse pola situación económica da sociedade estatal. As contas de 2020 presentadas por Correos proxectan unha perda de 285 millóns de euros, mais outras informacións acrecéntana até 400 millóns. Para 2021, a sociedade proxectou unha perda de 79 millóns, mentres que nos Orzamentos do Estado dese mesmo ano a cantidade estabelecida é de 28,7. No entanto, os datos fornecidos pola dirección da entidade na Mesa Sectorial situábana en 350 millóns de euros. Ante a disparidade de cifras, a organización frentista solicita ao executivo estatal que esclareza os datos reais dos anos anteriores e mesmo que realice un balance sobre a anualidade presente.
Rego tamén reclama coñecer a distribución dos e das traballadoras no servizo público de Correos- tanto o salario como o pagamento de dietas- nos cinco grupos profesionais en que se dividen- servizos xerais, persoal operativo, xefaturas intermedias, titulado medio e titulado superior-, así como coñecer o número de Directivos e o gasto que supón en salario e dietas. Neste sentido, Rego urxe saber cantos ex-ministros e ex-ministras ou altos cargos do Goberno figuran como persoal asesor da sociedade pública.