A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Cristina Fernández, preguntou esta tarde durante a sesión plenaria sobre a necesidade de especialistas para dar unha atención educativa de calidade a todo o alumnado do CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera de Ponteareas.
Cristina Fernández exixiulle ao conselleiro de Educación reforzar o cadro de persoal definitivo no CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera, aumentando o número de mestres e mestras e de especialistas en Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, para poder atender !con total garantía a todo o alumnado” con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE).
O pasado mes de setembro debateuse en sesión plenaria sobre a situación da atención á diversidade no ámbito educativo. Fernández sinalou que durante a súa intervención, salientou varios casos de alumnos e alumnas NEAE do CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera “que non tiña as especialistas que precisaban para o seu desenvolvemento persoal e educativo”. Cristina Fernández advertiu que este curso o centro educativo encóntrase “desbordado”, cun incremento importante de alumnado NEAE, “este colexio ponteareán non vai poder prestar a atención debida a todos eles”.
“En Ponteareas son máis centros os que se atopan nesta situación” subliñou. Adeputada nacionalista salientou que as direccións levan dende o verán reclamando a cobertura das prazas necesarias para a atención do seu alumnado. Ante a falta de resposta da Consellería, “son agora as nais e pais as que se teñen unido para solicitar estes recursos e plantar cara á Xunta mediante mobilizacións” que comezarán mañá mesmo diante do Concello de Ponteareas.
Fernández apuntou que “o alumnado está frustrado e as familias desesperadas” xa que non comprenden porque a consellería fai esa discriminación con nenos e nenas cun diagnóstico claro. “Problema de cartos non é, é unha decisión política” sinalou. “Aproveitando que están aquí representantes das nais e pais deste centro educativo, debera vostede dicirlle á cara os motivos ideolóxicos e políticos que fan que vostedes reduzan este curso enormemente os efectivos de docentes mentres nos centros fan desembarco sen freo de material dixital e tecnolóxico” concluíu.