O Bloque Nacionalista Galego de Lugo fai entrega ao deputado do organización nacionalista no Congreso, Néstor Rego, das máis de mil sinaturas recollidas durante a campaña contra a redución das paradas de autobús para que sexan trasladadas ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana promotor dese recorte. A frente nacionalista urxe a rectificación do Goberno do mapa de liñas de autobuses do Estado e reclama a incorporación das liñas suprimidas na proposta inicial para garantir o dereito da cidadanía do medio rural a acceder á mobilidade en condicións de igualdade.
O mapa concesional das liñas de autobuses de competencia estatal, presentado polo Ministerio de Transporte en abril, supón menos paradas e rutas o que levou á organización nacionalista a rexistrar a solicitude de comparecencia da Ministra no Congreso -ademais doutras iniciativas- co obxectivo de que o Goberno mudase a proposta, pois, como xa adiantaba o deputado do BNG tras coñecer o mapa, “de non rectificar a súa decisión, desaparecerán un total de 23 paradas en vilas e concellos na Galiza nos percorridos interautonómicos”.
No concreto, en Lugo os concellos afectados son A Pontenova, Meira, Guitiriz, O Corgo, Baralla, As Nogais, Pedrafita, Palas de Rei, Monterroso, Chantada e Quiroga. Por este motivo, o BNG realizou unha campaña na que recolleron máis de 1000 sinaturas para reclamar a paralización do proxecto e que agora entregadas ao deputado nacionalista no Congreso para que as rexistre diante do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Na entrega, ademais de Néstor Rego, participaron os concelleiros de Meira, Felipe Nieto; de Guitiriz, Xose Lois González Souto; do Corgo, Pilar Bellón; e de Baralla, Xose Manuel Becerra.
“O BNG seguirá a reclamar ao Ministerio a reformulación da proposta e que priorice o mantemento de servizos de mobilidade como servizos públicos esenciais” apunta o deputado do BNG no Congreso. Porén, polo momento o Goberno non parece ter intención de rectificar a súa postura, pois nunha das respostas do goberno a preguntas rexistradas polo BNG no Congreso, segue a xustificar a supresión destas paradas alegando que primarán a demanda de viaxeiros entre as diferentes Comunidades Autónomas, sen atender ás paradas intermedias. Mais, no caso da Galiza, e sobre todo no de Lugo, explica Rego, estas liñas de autobús “serven tamén para comunicar as distintas vilas e concellos do País”.
“Manter estas paradas e liñas é especialmente importante no caso galego, sobre todo nas zonas rurais e do interior, posto que é a única alternativa, en moitos casos, de transporte público” reivindica o deputado do BNG. De non rectificar, alerta Rego, prexudicaría a zonas e concellos que máis sofren o despoboamento na actualidade.
Por último, o deputado do BNG explica que a proposta formulada polo Goberno no pode basearse exclusivamente no rendemento económico das liñas senón que deben de existir criterios como o ben común e asegurar un servizo público esencial para a cidadanía.