BNG exixe a reapertura da Capitanía Marítima da Pobra do Caramiñal

Néstor Rego, Amparo Cerecedo e Rosana Pérez
Néstor Rego, Amparo Cerecedo e Rosana Pérez

“O Goberno do Estado debe rectificar e asegurar a cobertura de todas as prazas vacantes” explica Rego na iniciativa presentada no Congreso

A candidata do BNG á alcaldía da Pobra, Amparo Cerecedo, denuncia o “desmantelamento forzado” que levou a cabo o executivo estatal coa Capitanía Marítima da vila, a máis antiga do Barbanza

Néstor Rego, Amparo Cerecedo e Rosana Pérez manteñen un encontro co sector do mar para render contas sobre o traballo realizado a prol do ramo e escoitar as novas demandas e inquedanzas

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a candidata da organización á alcaldía da Pobra do Caramiñal, Amparo Cerecedo, denuncian a falta de previsión do Goberno do Estado para asegurar a cobertura das prazas vacantes na Capitanía Marítima da Pobra do Caramiñal. A frente nacionalista rexistrou iniciativas para que  o executivo rectifique e abra de maneira inmediata a capitanía dotándoa do persoal necesario. Así mesmo, acompañados da deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Rosana Pérez, mantiveron un encontro co sector do mar para falar sobre as numerosas iniciativas presentadas na cámara galega e no Congreso, así como escoitar as súas demandas e inquedanzas.

Após a xubilación da totalidade dos funcionarios da Capitanía Marítima da Pobra do Caramiñal o Goberno do Estado continúa sen cubrir as prazas vacantes. Esta situación provoca que as dependencias da Capitanía Marítima da Pobra se manteñan pechadas, agás os xoves, e que non presten os servizos necesarios. A carga de traballo e a atención ao público derivouse até as oficinas de Ribeira.

“A Capitanía Marítima da Pobra do Caramiñal é a máis antiga da comarca da Barbanza e semella que non existe vontade política para que a actividade e o servizo que nela se preta non continúe” denuncia a candidata do BNG á alcaldía da Pobra. Amparo Cerecedo lembra que o “desmantelamento forzado” comezou despois de que en xullo de 2021 se retirara o xefe territorial, momento en que tan só dous funcionarios prestaban servizo. “Pola contra, en decembro de 2022 acadaron a idade de xubilación e a Capitanía ficou sen persoal” lamenta Cerecedo.

Neste sentido, a candidata do BNG á alcaldía da Pobra do Caramiñal sinala que o distrito ofrece servizo a un amplo ámbito: “da Punta Aguiuncho, na parroquia ribeirense de Palmeita, até Portomouro, pertencente a Abanqueiro, en Boiro, co que se inclúen as flotas de Cabo de Cruz, Escarabote, A Pobra e Palmeira”.

“O executivo debe rectificar e asegurar a cobertura das prazas vacantes na Capitanía Marítima da Pobra do Caramiñal. Por este motivo, rexistramos no Congreso iniciativas para que se reabran as dependencias e se retome a prestación do servizo” anuncia o deputado do BNG no Congreso.  De maneira inmediata, engade Néstor Rego, o Goberno debe realizar todas as xestións necesarias para incorporar o persoal funcionario necesario -cubrindo todas as prazas vacantes- e garantir a calidade do servizo.

Para o deputado nacionalista, é inxustificábel a falta de previsión da Administración do Estado. “Esta falta de vontade é gravísima. O Goberno debe rectificar e proceder a apertura inmediata da Capitanía da Pobra, dotándoa de persoal suficiente igual que no resto de servizos da Galiza” reclama Rego.

Xuntanza co sector do mar para escoitar as súas demandas e render contas

Por outra parte, tanto o deputado do BNG no Congreso como a candidata da frente nacionalista á alcaldía da Pobra do Caramiñal, Néstor e Amparo, participaron nun encontro aberto con representantes do sector do mar. Na xuntanza tamén participou a deputada do BNG no Parlamento de Galiza e portavoz de Pesca, Rosana Pérez, que reiterou o compromiso da organización nacionalista co sector.

Nomeadamente, Pérez destacou a falta de actuacións por parte da Xunta de Galiza para evitar a caída progresiva de produtividade das rías nos últimos anos: “existe unha falta de cobertura social diante da brutal mortalidade de marisco nas últimas semanas e as graves deficiencias dos espazos e servizos portuarios” denuncia. “A Xunta de Galiza renunciou a exercer consenso entre bateeiros e percebeiros. Vén actuando de xeito totalmente errático desde a normativa de 2019, inclusive fomentando a división e o enfrentamento entre os sectores” engade Rosana Pérez.

Alén do máis, o deputado do BNG no Congreso destacou o traballo que está a desenvolver na cámara baixa en favor do sector do mar. “Non houbo problema no sector ao longo desta lexislatura que o BNG non tivese presentado iniciativas no Congreso, contribuíndo de maneira positiva á resolución dos conflitos” destaca Rego. Entre as numerosas cuestións rexistradas, Rego salienta a demanda para estabelecer axudas á frota pesqueira galega pola suba desproporcionada do prezo dos carburantes ou as reclamacións para o aumento das cotas pesqueiras para a flota, como poden ser a do xurelo e a sardiña, entre outras; ou tamén a loita polo mantemento da actividade do sector mar industria na costa galega afectado pola Lei de Cambio Climático.

“Propuxemos en reiteradas ocasións a baixada do IVE a produtos pesqueiros e marisco. Agora coa suba de prezos reclamamos a supresión do mesmo, para axudar ao sector e contribuír a que a sociedade puidese ter unha dieta equilibrada” engade. “Exiximos a dotación de persoal e a reapertura de servizos nos ISM e outras administracións instaladas no País para dar cobertura a todas as demandas existentes, tanto para garantir a atención persoal como para a formación dos diversos cursos que se ofertaban” subliña Rego.

Contra a implantación da eólica mariña na costa galega

Por último, a frente nacionalista lembra a ofensiva a institucional que está levando a cabo -en concellos, Parlamento de Galiza, Congreso e Parlamento Europeo- para que se retire o Plan de Ordenación do Espazo Mariño que afecta á Galiza. “Estamos en contra da implantación de eólica mariña na costa galega porque prexudicaría aos ecosistemas mariñas e frota pesqueira galega, a máis importante do Estado español e unha das máis importantes de Europa” alegan. Para a organización nacionalista, a “Xunta debe oporse aos plans aprobados polo Goberno do Estado e o Ministerio debe rectificar na súa pretensión de instalar case 50% da potencia do conxunto do Estado na costa galega”.

As emendas do BNG na Lei de Pesca Sustentábel

O Bloque Nacionalista Galego conseguiu que se incluíran na Lei tres cuestións fundamentais: que o Goberno deba habilitar un sistema de voto para os mariñeiros embarcado, o desenvolvemento dun catálogo de enfermidades profesionais da xente do mar e o fomento de convenios colectivos que garantan mellores condicións laborais.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG