BNG exixe no Parlamento promover a implantación de fábricas de compoñentes para a automoción na área de Vigo

Brais Ruanova
Brais Ruanova

O deputado Brais Ruanova urxe desenvolver unha política industrial que faga posible fabricar calquera novo compoñente derivado da transición ao automóbil non contaminante tanto para eléctrico, gas ou hidróxeno

O BNG aposta por promover a instalación de fábricas de semicondutores e compoñentes na área de Vigo que evite as interrupcións no subministro

O Bloque Nacionalista Galego instou ao Parlamento a impulsar un Plan Galego pola Automoción, que promova a instalación na Galiza de novos actores e actividades industriais relacionados co sector, que rachen coa excesiva dependencia actual dun único gran fabricante, e que garantan a produción na Galiza de aqueles compoñentes críticos de máis valor engadido.

“O sector da automoción é un sector estratéxico para Galiza e nomeadamente para a área de Vigo” destacou o deputado Brais Ruanova que advertiu que nos últimos anos “levamos vendo como este sector atravesa dificultades de abastecemento de compoñentes”, mais infelizmente este sector “non puido contar co apoio do Partido Popular”. O BNG traslada ao Parlamento esta iniciativa que busca poñer o foco e solucións para que o sector da fabricación de vehículos sexa máis autónomo, “menos dependente das importacións de compoñentes de alto valor engadido” e unha industria auxiliar “menos dependente da propia empresa matriz Stellantis”.

Ruanova salientou que “a automoción está a vivir unha auténtica revolución no novo contexto de mobilidade”. Neste contexto o uso de circuítos integrados, chips ou microchips, “son un factor limitante na fabricación de vehículos”, tanto que o colo de botella das liñas de produción é en moitos casos a dispoñibilidade ou non destes compoñentes.

O BNG aposta por desenvolver unha política industrial que faga posible fabricar calquera novo compoñente derivado da transición ao automóbil non contaminante tanto para eléctrico, gas ou hidróxeno. “O goberno galego debe poñerse en serio para garantir en Galiza a fabricación dos compoñentes do coche do futuro e facer unha aposta real por converter este país na vangarda da fabricación de compoñentes de semiconductores aproveitando as liñas de axuda existentes” defendeu.

“O que está claro é que o goberno galego leva 15 anos á marxe do que lle pase á automoción”. Brais Ruanova explicou que mentres outros gobernos, como o de Aragón, o de Cataluña, o de Madrid ou o de Asturias “apostan decididamente por blindar o sector da automoción a través dos compoñentes do futuro, o goberno galego non fai máis que lanzar anuncios e darse golpes no peito anunciando liñas de axuda para o sector, como se a automoción só precisara dunha política subsidiaria”.

“Precisamos atraer actividade que rache decididamente coa dependencia excesiva do conxunto da automoción con Stellantis, para que as paradas de Stellantis deixen de condicionar, de limitar e de obrigar á industria auxiliar a parar e a empeorar as condicións laborais como única medida para seren máis competitivas” explicou.

O deputado Brais Ruanova salientou que “o precisa a automoción deste país é que ante grandes cambios teñamos un goberno á altura do momento e que despregue grandes políticas e non só despregue grandes anuncios baleiros que, sinceramente, chegan tarde”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG