Parlamento Galego

BNG exixe no Parlamento cubrir as necesidades do alumnado NEAE do CEIP As Veigas de Ponteareas

Cristina Fernández coas familias afectadas
Cristina Fernández coas familias afectadas

Cristina Fernández denunciou a situación que están a vivir os nenos e nenas con necesidades especiais por falta de persoal especialista na equipa de orientación

A deputada do Bloque Nacionalista, Cristina Fernández, preguntou na comisión de Educación e Cultura, sobre a necesidade de reforzar o persoal especialista no Equipo de Orientación para cubrir as necesidades do alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE) do CEIP As Veigas de Ponteareas.

“É de sobra coñecida pola Dirección Territorial de Educación en Pontevedra a situación do alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo e a falta de recursos de especialistas no CEIP As Veigas do concello de Ponteareas” salientou Fernández, que exixiu á Consellería durante a súa intervención que se garanta unha educación de calidade para estes nenos e nenas que precisan de apoios e reforzos para poder seguir o ritmo do resto de compañeiras e compañeiros da súa clase.

A deputada nacionalista destacou que no centro hai media ducia de nenos que non poden comunicarse por si mesmas e “só unha delas dispón de dispositivos electrónicos comunicadores” que lles axuda a comunicarse. Ademais, estes casos precisarían un Pedagoxía Terapéutica  (PT) preferente para cada un deles, mais a escola tan só ten concedido 1 para todo o centro, 1 Audición e Linguaxe (AL) e 1 AL compartido co CEIP Fermín Bouza Brey.

No curso 2023/24, o centro tiña autorizados o Plan Proa+ e tamén o Acompaña, “polo tanto dispuña de 2 especialistas a maiores de apoio ao alumnado NEAE dentro das aulas” sinalou Fernández. Este curso o programa Acompaña desaparece e ao centro non lle concederon o Plan Proa+, polo que conta con dúas mestras de PT menos que o curso pasado “a pesar de que na convocatoria do PROA+ quedou acreditado que é un centro cunha porcentaxe de alumnado vulnerable superior ao 30%” subliñou.

A deputada nacionalista manifestou que dende a dirección do centro levan “reclamado os efectivos necesarios dende o verán” para atender debidamente a este alumnado NEAE, e vista a insensibilidade da Consellaría de Educación cara as crianzas máis vulnerables, “son agora as nais e pais das afectadas as que deciden facer a reclamación ante todas as instancias educativas posibles”.

O goberno da Xunta de Galiza, “e máis en concreto o Conselleiro de Educación”, leva todo o verán alardeando de ter contratado o maior número de profesorado e especialistas da historia, mais a realidade é que o CEIP As Veigas e outros moitos centros de todo o país, viven outra realidade ben diferente. “Aulas con rateos máximos e alumnado NEAE entre eles, sen reforzos nas mesmas e sabendo as directivas que o persoal especialista que perden no seu cadro de persoal mingua a calidade educativa do seu centro” denunciou Fernández.

Cristina Fernández salientou o caso da familia de Carlota, unha nena con TEA, mentres as demais familias desfrutan cos seus fillos e fillas da praia e das actividades propias desta estación e das vacacións, “familias como as de Carlota están centradas en reclamar, ano tras ano, aqueles recursos educativos que as nenas e nenos van necesitar no vindeiro curso”.

“Como fan sempre, deixan de lado e sen recursos ao alumnado máis vulnerable e que máis o precisa”. O BNG advirte que a comunidade educativa está demandando que se solvente esta situación surrealista que afecta á atención e inclusión do alumnado no concello de Ponteareas. Tanto a dirección do centro como as familias non queren que a súa escola se vexa prexudicada coas “medidas de recortes que aplica ano tras ano a Consellaría de Educación”, en lugar de dotar de maiores e mellores recursos aos centros e ao alumnado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG