congreso

BNG exixe a mellora dos servizos ferroviarios en Vilagarcía

Montse Prado e Néstor Rego
Montse Prado e Néstor Rego

Néstor Rego exixe pasar das “políticas declarativas a políticas prácticas” que atendan ás necesidades da cidadanía con máis frecuencias e a implantación das 'cercanías' ferroviarias

Montse Prado denuncia a conivencia do Goberno do Estado e da Xunta de Galiza no desmantelamento dos servizos ferroviarios da Galiza e de maneira especial en Vilagarcía

O Bloque Nacionalista Galego demanda na estación de ferrocarril de Vilagarcía a mellora dos servizos ferroviarios na Galiza e, nomeadamente, na comarca do Salnés, para ofrecer á cidadanía un servizo de calidade que responda ás súas necesidades. A organización nacionalista exixe a ampliación de horarios e frecuencias ferroviarias, así como a implantación do servizo de ´cercanías` ferroviarias comezando pola área urbana Vigo-Pontevedra coa inclusión de Vilagarcía e comarca.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a deputada nacionalista no Parlamento de Galiza, Montse Prado, denuncia a situación do transporte ferroviario na Galiza diante da estación de Vilagarcía. Acompañados por cargos orgánicos e institucionais do BNG na comarca do Salnés, evidencian o déficit en materia ferroviaria na Galiza e exixen a implicación do Goberno do Estado e da Xunta de Galiza para solucionar esta situación.

Estación de Vilagarcía
Estación de Vilagarcía

“A estación de Vilagarcía dá servizo aos 38.000 habitantes da vila e ás máis de 100.00 persoas que viven na comarca do Salnés. Máis se contamos a veciñanza que habita en Caldas-Ulla ou na Barbanza” apunta a deputada do BNG no Parlamento de Galiza. Unha estación, continúa Montse Prado, con alta demanda e que, nun momento de cambio climático en que “a aposta polo ferrocarril debe ser unha prioridade o Goberno do Estado continúa a desatender as necesidades da cidadanía de Vilagarcía”.

O BNG demanda servizo de calidade que responda ás necesidades da veciñanza

“Calquera persoa que queira viaxar un luns de Vilagarcía até Santiago de Compostela antes das 10 da mañá non o pode facer até o 3 decembro porque xa non hai servizo. O mesmo acontece se alguén quere viaxar a Pontevedra” denuncia Montse Prado sinalando que “esta situación non é prestar un servizo de calidade á cidadanía”. O mesmo, continúa Prado, acontece cos trens de Santiago a Vilagarcía os venres pola tarde.

“En Vilagarcía dáse o paradoxo de que hai demanda, existindo veciñanza que quere empregar o ferrocarril e que hai un Goberno que di apostar pola transición enerxética e ecolóxica, mais non hai servizos de tren que poidan atender esa demanda” asevera o deputado do BNG no Congreso.

Néstor Rego exixe pasar das políticas declarativas a políticas prácticas explicando que o Goberno do Estado ten que pór os medios para que haxa mellores servizos ferroviarios en Vilagarcía e no conxunto do País. “Modernizando as infraestruturas, ampliando a rede ferroviaria e, sobre todo, pondo en marcha os servizos necesarios que dean resposta á demanda da cidadanía” enumera Rego.

Mellora dos servizos e implantación das 'cercanías' ferroviarias

Avanza o rexistro das iniciativas que decaeron co remate da pasada lexislatura e que atinxen a Vilagarcía e a comarca do Salnés sobre os servizos ferroviarios que se prestan: “reclamar máis frecuencias, horarios adaptados ás necesidades da poboación, parada dos trens de longa distancia en Vilagarcía e a inclusión da estación nas futuras ´cercanías` ferroviarias Vigo-Pontevedra”.

“Non ten sentido que a Galiza careza deste servizo de proximidade ferroviaria e sexa a única que, tendo rexións urbanas con máis de medio millón de habitantes, non ten este servizo implantado” evidencia Rego. Neste sentido, o deputado adianta que o BNG dará especial relevancia no seu traballo na cámara baixa á necesidade de implantar este servizo na área urbana de Vigo-Pontevedra, incluíndo a comarca do Salnés, atendendo á importancia da súa poboación.

Conivencia do Goberno do Estado e a Xunta de Galiza

Na mala calidade do servizo ferroviario ten tamén moita responsabilidade o goberno da Xunta de Galiza e a bancada do PP no Parlamento de Galiza que “votaron en contra das iniciativas do BNG que procuran a mellora do servizos ferroviarios no País” declara a deputada do BNG. A última delas, continúa Montse Prado, a pasada semana no pleno do Parlamento.

“Presentaremos unha batería de iniciativas, tanto no Congreso como no Parlamento de Galiza, para que se atendan ás necesidades da cidadanía a respecto dos servizos ferroviarios. O Goberno galego e o do Estado deben actuar desde a perspectiva de dar un servizo que a cidadanía precisa” conclúen Néstor Rego e Montse Prado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG