O deputado do BNG, Néstor Rego, rexistrou unha iniciativa parlamentaria no Congreso exixindo a actualización da aplicación RadarCOVID para que se incorpore de forma inmediata a lingua galega.
O BNG denuncia que esta aplicación, que o Ministerio de Sanidade pretende que sexa utilizada polas distintas autoridades sanitarias do Estado, só se encontra dispoñíbel en español, inglés, e máis recentemente en catalán, mais non nas demais linguas oficiais. Néstor Rego salientou que “o Goberno volve a ignorar, máis unha vez, os dereitos lingüísticos dos galegos e galegas, que teñen dereito a recibir a atención e información sanitaria na súa propia lingua”.
Os nacionalistas advirten que a Administración do Estado fai caso omiso así, ás obrigas derivadas da Carta Europea das Linguas e das reiteradas recomendacións que neste sentido foron enviadas ao Goberno para que dea cumprimento ao seu contido, favorecendo e garantindo o uso de todas as linguas oficiais do Estado.
O deputado Néstor Rego destacou que a loita contra a COVID-19 non pode servir de escusa para non respectar os dereitos das persoas falantes de linguas oficiais distintas do español, que deben poder recibir a atención adecuada no idioma da súa elección. “Debe garantirse o dereito dos galegos e galegas a se relacionaren na súa lingua coa administración galega e tamén coa Administración Xeral do Estado, especialmente cando esa relación se produce no territorio da Galiza” aseverou.
Esta aplicación terá, neste momento de aumento de casos de COVID-19, un elevado número de persoas usuarias, polo que o BNG ve necesario que se corrixa e se garanta de inmediato que esta e o resto de atención sanitaria sexa accesíbel en todas as linguas oficiais do Estado español.