O BNG exixe a Feijoo que dea explicacións pola negativa a dimitir do alcalde de Baralla

Ante a negativa a dimitir de González Capón, a responsabilidade é agora do presidente do PP en Galiza

A Executiva Nacional do BNG, tras a negativa a dimitir do alcalde de Baralla após as súas afirmacións contra as vítimas do franquismo, exixe que sexa o máximo responsábel do PP na Galiza, Núñez Feijoo, quen dea explicacións sobre a permanencia no cargo do rexedor de Baralla e o obrigue a dimitir. Do contrario, Feijoo está amparando un cargo público que ocupa unha posición impropia e totalmente desmerecida ao mostrar co seu comentario no pleno pasado o total desprezo ás persoas que foron represaliadas no franquismo.

Para o BNG, tal e como tamén expuxo o portavoz do BNG no Concello de Baralla, Xosé Manuel Becerra, pedir desculpas polas súas afirmacións non abonda, non fica outra saída que asumir as responsabilidades políticas e abandonar o seu cargo. Por esta razón é preciso que o PP a nivel galego dea as explicacións oportunas sobre cales son os motivos que levan a esta formación política a permitir a continuidade dentro das súas filas a unha persoa cun comportamento tan taxativamente lamentábel.

Segundo explicou Xosé Manuel Becerra, diante da gravidade das declaracións do rexedor e deputado provincial do PP, o BNG vai solicitar a súa dimisión na Deputación provincial, co que será a primeira vez na historia da democracia que unha institución solicite a dimisión dun cargo diante dunhas declaracións deste tipo que negan a historia e falsean a realidade.

Por iso, o BNG reitera, máis unha vez, que se o PP non obriga a González Capón a dimitir estará avalando as declaracións feitas por esa persoa.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG