Congreso

BNG exixe dotar de medios suficientes o Servizo de Vixilancia Aduaneira na Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

Ante a situación de precaria dotación de embarcacións e medios, Néstor Rego urxe o Goberno do Estado a reforzar os medios materiais e humanos para atender de forma eficaz e eficiente o conxunto do litoral

Destaca a desatención do litoral da Costa da Morte de Fisterra a Bergantiños que queda fóra das zonas de vixilancia das bases da Coruña e Muros, en que xa se conta con poucos barcos e obsoletos.

“Reclamamos un tratamento específico para a Costa da Morte que garanta que se poida desenvolver o labor do SVA de forma adecuada e permanente” declara Néstor Rego.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para reclamar ao Goberno do Estado a dotación adecuada de medios materiais suficientes ao Servizo de Vixilancia Aduaneira na Galiza. Co obxectivo de corrixir a precaria dotación de embarcacións e medios, a organización nacionalista urxe o Ministerio de Facenda -carteira da que depende a Axencia Estatal da Administración Tributaria, así como o SVA- a que dote de medios materiais e humanos suficientes ao SVA que permitan atender de forma eficaz e eficiente o conxunto do litoral.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia que, actualmente, o Servizo de Vixilancia Aduaneira na Galiza opera en condicións precarias debido á antigüidade e deterioro de varias das súas embarcacións, especialmente as destinadas ás bases de Muros e Ribadeo, as cales contan con naves que superan amplamente a súa vida útil.

A base de Muros conta coa embarcación V.A. II, en servizo desde 1985, que debería ter sido substituída hai 25 anos. Esta nave, ademais de ser obsoleta para a loita contra o narcotráfico, representa un perigo para a súa tripulación debido ás constantes avarías mecánicas. Pola súa parte, a base de Ribadeo conta coa embarcación Alcaraván II, en funcionamento desde 1984 e que, segundo a súa documentación oficial, xa debería ter sido retirada no ano 2000. Ambas as embarcacións seguen en operación a pesar dos riscos que implican para a seguridade das tripulacións e da ineficacia para desenvolver o seu labor.

“A situación precaria do SVA na Galiza afecta de forma especial á vixilancia da Costa da Morte, pois a base da Coruña estende a súa actuación até Ortegal, Ferrolterra, o golfo ártabro e Bergantiños, mentres que á base de Muros lle corresponde a vixilancia até Fisterra, aínda que, na práctica é a de Vilagarcía quen en moitas ocasións esa actuación, ademais das rías de Arousa e Pontevedra, pola falta de medios na base de Muros” . Isto deixa tramos estratéxicos da Costa da Morte sen cobertura efectiva de vixilancia, a pesar da súa relevancia na loita contra o narcotráfico e outras actividades ilícitas.

“É por esta situación que o BNG reclama unha atención e tratamento específico para a Costa da Morte que garanta que se poida desenvolver o importante labor do SVA de forma adecuada e permanente” puntualiza Néstor Rego.

O deputado do BNG lembra que o Goberno ten encargado oito novas embarcacións ao Grupo Rodman, das cales a primeira xa foi entregada para operar no sur do Estado. En xuño de 2023, o BNG presentou unha pregunta no Congreso para aclarar se algunha destas novas naves sería destinada á Galiza, en particular para substituír as embarcacións obsoletas de Muros e Ribadeo. “O Goberno dixo que a renovación das embarcacións galegas podería producirse en 2025, mais sen garantir que as bases galegas reciban novas naves, senón embarcacións descartadas doutras bases estatais, que poderían estar igualmente obsoletas” denuncia Rego.

Ademais, os atrasos na entrega das novas embarcacións e os problemas co primeiro barco entregado indican que o calendario previsto polo Goberno dificilmente se cumprirá. Como consecuencia, a embarcación de Muros segue en servizo a pesar das limitacións e dos riscos que presenta para as 15 persoas que operan nela por quendas.

Por todo isto, o BNG reitera a súa exixencia de que o Goberno do Estado dote as bases galegas do SVA con embarcacións modernas e suficientes para garantir unha vixilancia eficaz e segura en toda a costa galega. "A extensión e perigosidade da nosa costa esixe unha dotación adecuada de medios materiais e humanos que permitan atender, con eficiencia e seguridade para as tripulacións, todo o litoral, en particular as zonas de maior risco", subliña Néstor Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG