O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra novas iniciativas na cámara baixa para que o Goberno do Estado exixa criterios de reparto para que as compensacións do BAR teñan preferentemente en conta os territorios máis dependentes da pesca. Así mesmo, urxe estabelecer a xestión directa dos fondos pesqueiros que se deriven da Reserva de Axuste Brexit por parte da Xunta, no caso da Galiza, e programar plans de soporte económico e social ao sector pesqueiro e zonas máis afectadas en colaboración e coordinación coa Administración galega.
Ao acordo do Brexit entre Unión Europea e o Reino Unido, sumóuselle o fracaso que supuxo a falta dun pacto para as cotas pesqueiras en 2021 que tiveron unha prórroga provisional até xullo. Neste mes, o sector sufriu recortes que empeoraban a situación da Galiza antes do Brexit. Como previsión, o Consello da UE acordara, xa en xullo de 2020, un paquete de axudas económicas denominado Reserva de Axuste Brexit (BAR) que ascendía a 5.000 millóns de euros co obxectivo de axudar ás empresas e ao emprego dos sectores afectados.
Mais, do total só destinaban a paliar as perdas de todo o sector 600 millóns de euros e deles, unicamente, 2,2 correspondían ao Estado Español. É dicir, do total dos fondos o Goberno do Estado podía repartir 0,35% mentres que as capturas da frota pesqueira estatal representaba 1% do conxunto da frota europea.
“Nos criterios de reparto só tiveron en conta o valor do peixe capturado en augas británicas mais non outros como a existencia doutros caladoiros como o Gran Sol, nin tampouco a cesión da cota de bacallau de Svalbar onde a frota pesqueira do Estado perdeu unha gran parte das posibilidades de captura que posuía” explica o deputado do BNG.
En opinión do BNG, os criterios estabelecidos para o reparto entre os estados membros son “moi cuestionábeis e discriminatorios, ademais de insuficientes en relación co conxunto da Reserva de Axuste do Brexit”. No caso do Estado español, a cantidade destinada “é irrisoria e mesmo afectará de maneira grave á Galiza por ser unha zona altamente dependente da pesca”-
A aprobación do Regulamento que estabelece o BAR non modificou o reparto dos 600 millóns de euros, de facto, mantivéronse inamovíbeis. “Esta aprobación definitiva é a constatación do nulo interese manifestado pola Unión Europea e o Estado español no sector pesqueiro, ambos pasaron de longo sobre esta discriminación” denuncia Néstor Rego.
Por este motivo, a organización nacionalista demanda do Estado que exixa criterios de repartición para as compensacións do BAR en que se teñan en conta preferentemente a aqueles “territorios do Estado afectados polo Brexit máis dependentes da pesca, o impacto nos sectores económicos relacionados coa mesma e o conxunto das augas británicas nas que faenan”. Así mesmo e, como a Xunta de Galiza ten competencia nesta materia, reclama estabelecer a xestión directa dos fondos pesqueiros na Administración galega, no caso da Galiza.
De facto, no caso galego, xa existen estudos realizados polo propio sector pesqueiro que estimaron perdas para os barcos galegos que pescan nos caladoiros británicos de 9 millóns de euros, só neste ano 2021, sen contar cos demais sectores da cadea que se verían afectados. “O BAR, de permanecer da mesma maneira, é un agravio máis para unha frota que vén perdendo dereitos e posibilidades de pesca continuadamente desde hai anos e que ademais, agora, queda a expensas dunhas negociacións anuais despois do 2026 que lle impiden planificar o seu futuro e que condicionan os seus investimentos” denuncia o deputado Néstor Rego.
Ademais, a formación urxe programar e levar a cabo plans de soporte económico e social ao sector pesqueiro e ás zonas máis afectadas da Galiza polo acordo entre a UE e o Reino Unido que palíen as consecuencias do mesmo en colaboración e coordinación coa Xunta de Galiza.