O Bloque Nacionalista Galego volve rexistrar iniciativas no Congreso para que o Goberno do Estado realice as xestións necesarias para que FOGASA adiante o pago, de maneira inmediata, das indemnizacións aos traballadores e traballadoras de Alu Ibérica da Coruña e Avilés, dez meses despois do seu despedimento. A frente nacionalista exixe solucións a estas xustas demandas dos traballadores e estabelecer as condicións necesarias para que continúe a actividade industrial e a recolocación dos traballadores e traballadoras nas novas actividades.
Após dez meses do despedimento dos traballadores e traballadoras de Alu Ibérica, e tras varias iniciativas da frente nacionalista a respecto das indemnizacións pendentes, FOGASA continúa sen asumir o adianto do pago a pesar de que despois podería repercutir contra a entidade responsábel. Dez meses en que os traballadores e traballadoras continúan a reclamar as indemnizacións pendentes ás que teñen dereito e o Goberno do Estado continúa sen realizar as actuacións necesarias.
“A factoría da Coruña pertencía a Inespal, unha empresa pública que daba importantes beneficios e que foi case regalada a Alcoa polo Goberno de Aznar” lembra o candidato do BNG á alcaldía da Coruña. Así mesmo, a finais de 2018, Alcoa acordou a venda das factorías da Coruña e Avilés ao fondo suízo Parte Capital –que pagou un euro polas dúas factorías- comprometéndose a manter a actividade e non vender os activos en dous anos. “A adquisición foi mesmo titorizada polo Ministerio de Industria que, co visto bo da Xunta de Galiza, saudou a operación argumentando que se cumpría o compromiso para atopar unha solución integral e viábel aos case 700 postos de traballos que estaban en risco” engade Francisco Jorquera.
Con todo, oito meses despois de que se formalizase a venda, o fondo suízo anunciaba a venda de 75% de Alu Iberica a unha sociedade instrumental pertencente ao Grupo Industrial Risco. “Unha operación que os propios traballadores e traballadoras advertiron das numerosas dúbidas sobre a solvencia e a praxe empresarial dos compradores” apunta Jorquera. Finalmente, en outubro de 2021, Alu Ibérica entra en concurso de acredores e é intervida xudicialmente aprobándose o seu plan de liquidación.
“Aínda que neste momento parece existir un proxecto para recuperar a actividade industrial na planta da Coruña –fábrica de grafito de Resonac- queda pendente o pago das indemnizacións dos traballadores e traballadoras e a recuperación dos seus postos de traballo” explica o deputado nacionalista. No concreto, aos traballadores da Coruña e Avilés “débeselles a redor de 70 millóns de euros das indemnizacións pactadas” mais FOGASA continúa a negarse para adiantar esa cantidade. “Isto deixa os antigos empregados nunha grave situación de desamparo, sobre todo se temos en conta que restan poucos meses para que se extingan as prestación por desemprego que perciben na actualidade” subliña.
En opinión do deputado do BNG no Congreso, é necesario exixir a FOGASA que asuma o adianto do pago das indemnizacións “que logo poderá repercutir contra a entidade responsable e, ademais, asegurar que a venda da factoría condiciónese a que se salde a débeda”. Caso contrario, os traballadores estarían a ser usados como financiadores do futuro comprador á conta das percepcións ás que teñen dereito.
Alén da investigación xudicial e policial
A día de hoxe, cabe destacar que está aberta unha investigación xudicial e policial onde se aprecia claros indicios da comisión de numerosos delitos por parte dos administradores da sociedade: apropiación indebida, administración desleal, estafa, fraude e branqueo de capitais. “A última novidade é unha investigación policial que revela o desvío de fondos das contas bancarias das factorías da Coruña e Avilés cara á adquisición de criptomoedas” salienta.
“Que se producise aquela revenda tan só 8 meses despois da adquisición por Parter Capital evidenciaba a falta de compromiso real do fondo suízo para levar a cabo o plan industrial acordado e pon en cuestión o papel desenvolvido, tanto polo Ministerio de Industria como pola Xunta de Galiza, para procurar unha solución que garantise a continuidade da actividade industrial e a recolocación dos traballadores” engade o deputado do BNG.