O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, da conta das iniciativas rexistradas pola organización nacionalista para que o Goberno do Estado tome as medidas necesarias que garantan ao sector do taxi pólizas de seguro xustas. O aumento “desproporcionado e inxustificado” que se está a producir neste tipo de seguros debe ser atendido pola Dirección Xeral de Seguros e evitar que as aseguradoras leven a cabo este tipo de prácticas. Néstor Rego defende atallar este problema no sector do taxi e impedir que esta situación comprometa economicamente a milleiros de profesionais, pondo en risco a súa viabilidade futura.
Néstor Rego, acompañado do tenente de alcalde de Lugo e portavoz do BNG no Concello, Rubén Arroxo, así como de militantes, simpatizantes e cargos orgánicos e institucionais do BNG, traslada o traballo realizado pola frente nacionalista co obxectivo de frear a suba “desproporcionada e inxustificada” nas pólizas de seguros no sector do taxi. Para o BNG, o Goberno do Estado ten que actuar de forma inmediata contra esta suba que está a lastrar o labor dos e das profesionais do taxi e afectando de forma directa as persoas usuarias.
O Ministerio de Economía, nomeadamente a Dirección Xeral de Seguros, debe supervisar as operacións que se están a producir a respecto da suba para evitar que as aseguradoras poidan realizar estas prácticas que non se axustan á evolución do risco. “O Goberno ten o deber de velar pola situación dun transporte que está considerado de interese xeral e público, especialmente para garantir a mobilidade en áreas do rural que, como no caso da Galiza, non existen outras opcións de transporte público” subliña o deputado do BNG.
As aseguradoras pretenden xustificar os incrementos dos prezos das pólizas na “inflación, no aumento dos custos dos sinistros, na suba do baremos das indemnizacións e no aumento da sinistralidade”. Mais, claramente, estes argumentos non se axustan á realidade, posto que “a inflación non pode xustificar máis que unha suba na porcentaxe correspondente ao IPC e non é certo que exista un aumento da sinistralidade nin dun maior número de partes ou incidentes a cubrir pola aseguradora.
Por outra parte, co obxectivo de unir forzas frente esta suba inxustificada e desproporcionada, o BNG rexistrou conxuntamente con outras organizacións políticas con representación no Congreso novas iniciativas para o seu debate na cámara. No concreto, a iniciativa rexistrada insta o Goberno “a tomar as medidas que permitan garantir ao sector do taxi pólizas de seguro cun custo competitivo axustado e proporcional ás coberturas requiridas e poder seguir exercendo a actividade profesional”.
O BNG reivindica o seu papel na defensa de Lugo e os seus intereses: o ferrocarril
Con motivo dunha reunión co sector do taxi en Lugo, o portavoz do BNG e tenente de alcalde do Concello aproveitou a oportunidade para salientar o fito conseguido pola organización nacionalista e a licitación da conexión entre Santiago e Lugo da pasada semana. “O BNG puxo enriba da mesa esta cuestión no Acordo de Investidura. Unha conexión vital porque somos a única cidade do País que non está conectada en tren con Santiago nin coa rede do Eixo Atlántico” subliña o tenente de alcalde.
Neste sentido, Néstor Rego valora positivamente o avance no cumprimento do Acordo de Investidura conseguido polo BNG e pon en valor o papel desenvolto pola organización nacionalista. “Hai cuestións que se están a executar –a electrificación da liña entre Lugo e Ourense, a modernización da liña A Coruña e Lugo ou a conexión Santiago e Lugo- pero hai que seguir traballando para que sexan realidade o antes posíbel” finda Rego.