congreso

BNG exixe ao Goberno actuar para resolver o conflito coa empresa do servizo de limpeza de Correos

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego apoia as demandas dos traballadores e traballadoras, así como dos seus representantes sindicais, para garantir os seus dereitos laborais e de medios

“Esta situación non se pode soster porque está a afectar o conxunto das e dos traballadores polo que o Goberno do Estado e, especialmente, a empresa pública Correos, deben actuar para solucionar este conflito” afirma

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas no Congreso para que o Goberno do Estado atenda as reclamacións e demandas dos traballadores e traballadoras ante o incumprimento da empresa concesionaria do servizo de limpeza de Correos. A organización nacionalista urxe garantir os seus dereitos laborais e de medios no desempeño do seu traballo, así como proceder á rescisión do contrato coa empresa adxudicataria e realizar un novo concurso ante a reiterada falta de pagamento por parte da actual empresa aos traballadores.

Catro meses pasaron desde que a CIG-Servizos denunciou incidencias e atrasos no pagamento das nóminas ás traballadoras e traballadoras do servizo de limpeza das dependencias de Correos por parte da nova concesionaria, Limpezas JCórdoba. Unha grave situación, que comezou coa subrogación do persoal, que afectaba a distintos territorios do Estado e de forma especial ás traballadoras na Galiza, máis de 360 persoas.

“A actual situación dos traballadores e traballadoras é desesperada tras acumular varios meses de falta de pagamentos das súas nóminas, persoas que dependen dos seus salarios para o mantemento das súas familias e o pagamento das súas facturas” sinala o deputado do BNG no Congreso. Aos malos tratos e os reiterados incumprimentos por parte da empresa concesionaria, súmanselle múltiples  incidencias relacionas coa falta de uniformidade, ausencia de material de traballo ou máquinas de limpeza.

Como é lóxico, explica o deputado do BNG, os e as representantes sindicais reclamaron o inmediato pagamento das nóminas sen lograr que a empresa cumprise con esta obriga, o que provocou que fose convocada unha folga indefinida desde comezos do mes de setembro. “Reclaman a rescisión do contrato coa empresa concesionaria polo total incumprimento das súas obrigacións, en especial, a falta de pagamento dos salarios” asevera Rego.

Mais, neste conflito, a responsabilidade tamén é da propia Correos xa que no seu momento presentou un concurso “á baixa” e aceptou a oferta con baixa temeraria por esta empresa, por debaixo dos custos do mantemento adecuado do servizo e dos salarios. Dito de paso, Correos aceptou esta adxudicación “a pesar de coñecer que a empresa acumula unha longa lista de problemas de solvencia económica e quebras”.

“Esta situaciónnon se pode soster porque está a afectar o conxunto das e dos traballadores, polo que o Goberno do Estado e, especialmente, a empresa pública Correos, deben actuar para solucionar este conflito” asegura Rego. Tal e como demandan os traballadores e as organizacións sindicais, o deputado nacionalista aposta pola “rescisión do contrato e realizar un novo concurso para adxudicar o servizo a unha empresa que poida garantir o pagamento aos traballadores e o cumprimento dos seus deberes e obrigacións para co persoal”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG