A través dunha pregunta ao goberno, a deputada do BNG, Mercedes Queixas trasladou ao conselleiro de Cultura a urxencia de cumprir o compromiso de Patrimonio e “activar a protección” do conxunto muralístico de Urbano Lugrís no interior do edificio da Rúa Olmos, 25-27, da Coruña.
A parlamentaria explicou que “os murais están no baixo dun edificio en estado ruinoso” que compromete a súa permanencia. Por outro lado, lembrou que Directora xeral de Patrimonio, recoñeceu, en comisión parlamentaria respondendo a unha pregunta do BNG, “o risco de perda dos murais do pintor surrealista” e comprometeuse a “vixiar o cumprimento das obrigas de protección” que corresponden a propietarios e concello, nun ben moble e inmoble que forman parte do catálogo de patrimonio.
Catro meses despois, preguntou a nacionalista, que pasou? e explicou que a consellería conta cun informe dos técnicos do Concello que inspeccionaron o interior do edificio alertando da necesidade de intervir de “forma urxente” para evitar o risco de deterioro inminente e irreversible” ao que a Xunta respondeu que precisaba máis documentación para autorizar a proposta da restauradora.
Ademais, a Asociación O Mural, engadiu Mercedes Queixas pediulle á Xunta, por escrito, que requirise ao concello a execución subsidiaria das obras de conservación do edificio que están a provocar o severo deterioro das pinturas.
“Entre silencios e omisións”, levamos 4 meses no que avanza o estado crítico do edificio con risco de derrube en calquera momento e coa perda definitiva dos murais de Urbano Lugrís” e preguntou ao conselleiro, Román Rodríguez que medidas vai poñer en marcha para impedir a perda do conxuntos muralístico de Lugrís.
Tras a resposta do titular de Cultura que non anunciou ningún compromiso, a nacionalista lamentou que Galiza conte cunha lei do patrimonio “de segunda” para “seren incumprida por todos”.
Mentres o goberno non actúa, afirmou Queixas, “o tempo corre e causa estragos no edificio e na obra de Lugrís” e desgraciadamente a historia repítese, “un goberno paralizado e unha sociedade activada en defensa do patrimonio”.
Temos un patrimonio cultural moi por riba das posibilidades que lle ofrece o goberno do PP e tras afirmar “que non hai tempo que perder” preguntou de que parte está o goberno? da protección do patrimonio cultural colectivo ou do privado inmobiliario? concluíu.