BNG esixirá no Parlamento á Xunta que actúe xa para garantir o mantemento do emprego e os dereitos laborais en Xeal

Reunión Xeal e BNG
Reunión Xeal e BNG
Ana Pontón e Mon Fernández constatan nunha reunión co comité de empresa a “nula vontade” da compañía para cumprir coas súas obrigas

O BNG reclamará á Xunta no Parlamento que actúe de inmediato ante o “incumprimento flagrante” por parte de Xeal do compromiso de manter o emprego nas fábricas de Cee e Dumbría ao que está obrigada polas concesións de varias explotacións hidroeléctricas no río Xallas.

A portavoz nacional, Ana Pontón, e o portavoz parlamentario de Industria, Mon Fernández, mantiveron unha reunión co comité de empresa na que coincidiron na urxencia de que o Goberno galego interveña ante a que Fernández cualifica como “nula vontade” da compañía á hora de dar cumprimento aos termos destas concesións.

“A Xunta non pode consentir estes incumprimentos flagrantes dos compromisos empresariais e facer coma se nada”, recalca o deputado nacionalista, quen avanza un paquete de iniciativas parlamentarias neste sentido, logo de advertir que dende a chegada á empresa (anteriormente, Ferroatlántica), Xeal mantén unha continua redución de postos de traballo que, a día de hoxe, ascende a máis de 100 entre fixos, eventuais e indirectos.   

Fernández tamén advirte da deriva das condicións laborais que se está a vivir na compañía, con “graves vulneracións dos dereitos laborais” e, neste sentido, fai especial fincapé pola súa importancia no caso de acoso sexual contra unha traballadora, un acoso constatado nunha resolución da Inspección de Traballo e tamén nunha sentenza xudicial condenatoria do acosador. “A empresa non só non actúa contra o acosador, senón que despide a un dos compañeiros da traballadora que foi testemuñar ao xuízo na súa defensa”, censura.

O BNG trasladou na reunión todo o seu apoio ao comité de empresa nas súas reivindicacións para que o Executivo galego actúe con determinación esixíndolle á dirección que cese nos ataques ao persoal de ámbalas dúas fábricas e, nesta mesma liña, o portavoz nacionalista de Industria subliña que a Xunta “debe actuar de inmediato na defensa do emprego e da dignidade do persoal das fábricas da Costa da Morte, se fose preciso rescatando as concesións das centrais”.

O Goberno do PP “debe comprometerse para que a riqueza do Xallas, a riqueza dos nosos recursos enerxéticos, repercuta a favor do emprego na comarca”, conclúe o deputado do Bloque, que presentará nos próximos días un paquete de iniciativas parlamentarias reclamando a intervención urxente da Xunta neste sentido.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG