A deputada Rosana Pérez preguntou este mércores no Parlamento polas actuacións previstas pola Xunta do PP para mellorar a calidade da ensinanza e as instalacións nos centros educativos de Rianxo, sobre todo no que atinxe á atención do alumnado con necesidades especiais. A deputada do Barbanza criticou o “brutal deterioro” do funcionamento destes centros e cualificou de “estafa” a política do PP de facer máis con menos.
“A súa famosa política de facer máis con menos é unha estafa. Vostedes fan cada vez menos a conta de cada vez máis sufrimento das familias, da conciliación inexistente e de complicarlles cada vez máis a vida. O deterioro do funcionamento dos centros é brutal.
A deputada nacionalista acusou o conselleiro, Román Rodríguez, presente no hemiciclo, de vir aquí presumir dunha “calma chicha” e "dun curso que empezaba con total normalidade e na Barbanza temos, cando menos, seis centros que seguen mobilizándose".
A deputada do Barbanza trasladoulle ao Goberno do PP a través dunha pregunta no Pleno deste mércores a situación na que se atopa o CEP Brea Segade, de Taragoña, que ten, a día de hoxe 27 alumnos en 3º de Primaria dos cales, 11 teñen Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE) de moi diferente grao. “Diante da xordeira da Consellaría, o centro decidiu facer os dous grupos pero a conta de restarlle horas de dirección do propio director”, advertiu.
“Onde quedou o famoso acordo que asinaron cos sindicatos minoritarios do ensino?” preguntou para recordarlle ao conselleiro que “nin sequera o cumpre”. “Vendeulle como solución ao centro ter 22 nenos con NEAE e unicamente dous días de Audición e Linguaxe (AL), porque os outros tres son compartidos, e cun orientador a tempo parcial”, apuntou.
A deputada nacionalista recoñeceu como boa a redución do horario do profesorado pero advertiu que tería que compensarse co incremento do número de docentes. Puxo de novo o exemplo do CEP Brea Segade, onde se lle reduciron dúas horas de libre disposición aos once docentes. “O resultado é 22 horas que se perden á semana ou, o que é o mesmo, un profesor que evidentemente vostedes non substitúen por ninguén”.
Pérez preguntou tamén pola situación do CEIP Ana María Diéguez, de Asados, que, segundo indicou, recibe nenos do CEIP A. D. R. Castelao de Rianxo por estar saturado, e advertiu que non se atenden os problemas de transporte escolar que isto xera. No caso do Castelao, denunciou ademais a falta dun profesor para un desdobre de Primaria, un de inglés e outro para cubrir o PT que teñen en comisión de servizos.
En canto as ratios, a deputada nacionalista apuntou que nalgunhas aulas chegan a 28 alumnos, que non se poden desdobrar polas propias características do centro. Asegura que o centro precisa de máis especialistas porque comparten o de Pedagoxía Terapéutica (PT) e o de Audición e Linguaxe (AL) e tamén comparten o orientado, que non está a tempo completo
“Vostedes respostan a todo isto cun parche: Un profesor do Programa de Reforzo, Orientación e Apoio (PROA) a media xornada para apoiar clases amplas con moitas necesidades específicas que, por certo, aínda non chegou”, recriminou.
Da “queima” tampouco se salva o IES Félix Muriel, que tamén padece a “endémica falta de especialistas”. A deputada afeoulle ao conselleiro que “”. Vostede fala unha e outra vez de ratios. Nós sabe de que falamos?: de alumnos, de alumnas, de nenos, de nenas, das familias”.