O BNG esixe á Xunta do PP que acelere o protocolo para loitar contra as agresións sexuais no marco do ocio nocturno

Foto Noa Presas
Foto Noa Presas

A deputada Noa Presas advirte do incremento da violencia sexual e pide unha campaña específica dende este curso en centros de Secundaria e universidades

Denuncia o retraso na posta en marcha do protocolo solicitado a principios de ano por unanimidade dos grupos parlamentarios a iniciativa do Bloque 

A deputada do BNG Noa Presas vén de presentar no Parlamento unha batería de iniciativas para esixir á Xunta que acelere a posta en marcha dun protocolo de prevención e intervención fronte ás agresións sexuais no marco do ocio nocturno. “No BNG estamos preocupados polos casos que estamos a coñecer de violación múltiple tanto en Galiza como no resto do Estado. A violencia sexual é unha forma de violencia machista e, polo tanto, as institucións teñen a responsabilidade de incrementar os recursos para combatela, de facelos máis eficaces, de educar á sociedade e de mellorar as ferramentas para atender ás vítimas”, asegura.  

Lembra que, a iniciativa do BNG, o Parlamento galego aprobou xa o pasado mes de febreiro unha iniciativa neste sentido, que aínda está por cumprir e que urxe facelo máis se cabe tras o últimos acontecementos de violencia contra as mulleres rexistrados ao longo deste verán en Galiza.

“Lamentablemente, no verán de 2023 coñecemos agresións sexuais múltiples a través dos medios de comunicación que nos recordan a necesidade de avanzar, como é o caso da violación de dous agresores no Porriño a unha moza no contexto dunhas festas ou a agresión sexual tamén cometida por dous mozos nas festas de Monforte en agosto”, lembra. No contexto do Estado español, coñecéronse tamén agresións sexuais grupais en contextos festivos en Mallorca e Murcia, ou máis recentemente en Navarra.

Ás agresións que transcenderon nas últimas semanas súmanse ademais os datos de criminalidade publicados polo Ministerio do Interior, segundo os cales entre xaneiro e marzo de 2023 denunciáronse en Galiza 43 agresións sexuais con penetración, un 10,3 % máis que no mesmo trimestre do ano anterior e máis da metade das que se produciron ao longo de todo o 2021, subliña a deputada do Bloque.

No mesmo balance trimestral de criminalidade reflíctese tamén que o resto de delitos contra a liberdade sexual aumentaron un 29,7 %, de 148 a 192. Mais estes datos, advirte Noa Presas, serían só “a punta do iceberg dunha realidade moito máis extensa”.

“É necesario seguir poñendo o acento na concienciación, na educación e nunha prevención que non recaia na responsabilización das mulleres nin na limitación da súa liberdade. Máis aínda nun contexto onde ao tempo que o feminismo e as políticas feministas avanzaron posicións vivimos tamén un avance do machismo e das posicións e organizacións políticas que cuestionan a existencia da violencia machista”, advirte Noa Presas na súa iniciativa, na que alerta así mesmo das “novas dimensións da violencia machista no ámbito dixital a través do fortalecemento da manosfera”.

É por todo isto que a deputada do Bloque empraza á Xunta a acelerar a aprobación e aplicación do protocolo de prevención e intervención fronte ás agresións sexuais no marco do ocio nocturno. “O Goberno do PP informou de que a comezos de xuño estaría xa operativo para a súa aprobación e divulgación, mais neste momento segue sen ser realidade”, critica.

O Bloque reclama, no mesmo sentido, que se aceleren os traballos respecto da difusión do protocolo e unificar de forma accesible na web de Igualdade toda a información respecto da violencia sexual e dos recursos do Goberno galego e doutras institucións.

Pide ademais que xa neste curso 2023-24 se poña en marcha unha campaña específica sobre a violencia sexual e os recursos no ámbito do ensino secundario e universitarios para espallar o seu coñecemento entre a poboación máis nova.

 

   

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG