O BNG esixe sancións para as eléctricas polo baleirado dos encoros nun acto simbólico no de Cenza, un dos máis afectados

BNG-acto simbólico Encoro Cenza-Carlos G.Hervella_OSil
Dora Sierra, concelleira da Agrupación Independente de Vilariño de Conso, e a portavoz parlamentaria de Enerxía, Noa Presas (foto: Carlos G. Hervella. O Sil)

 

Noa Presas reclama unha “intervención pública inmediata” para forzar ás empresas a aumentar a cantidade de auga nas presas baleiradas de todo o país

Nunha acción simbólica desenvolvida no encoro de Cenza, en Vilariño de Conso, o BNG exixiu sancións para as compañías eléctricas responsables do baleirado dos encoros galegos e “unha intervención pública inmediata para forzar a estas empresas a corrixir a situación e incrementar a cantidade de auga” nas presas afectadas.

Así o explicou a portavoz parlamentaria de Enerxía, Noa Presas, quen participou xunto a distintos cargos políticos e militantes do BNG na comarca de Monterrei no acto celebrado no encoro de Cenza que, xunto co das Portas (ambos en Vilariño de Conso), representan as situacións máis extremas, cun 15% da capacidade ocupada cando o habitual é que sexa dun 50 e dun 75%, respectivamente.

“Estamos hoxe aquí, nun encoro que vive unha situación inédita, xa que nestes momentos está practicamente baleiro polo espolio, polo roubo, das grandes empresas enerxéticas como Iberdrola”, explicou Presas para denunciar a continuación que “este verán estamos vendo non só como cada día se bate un récord no prezo da luz, senón que, por riba, as eléctricas está deixando territorios enteiros coma este practicamente destruídos baixando o nivel de auga a límites insospeitados e sen pensar nas consecuencias”.

DCIM\100MEDIA\DJI_0036.JPG

Neste sentido, a deputada nacionalista advertiu que o baleirado dos encoros “afecta á forma de vida dos veciños e das veciñas”, “dana o medio ambiente” e “afecta a actividades como a pesca, o turismo ou o deporte acuático”. “Mesmo nos están poñendo nun momento perigoso, con altas temperaturas en zonas ademais de alta actividade incendiaria e sen garantir que, por exemplo, diante dun incendio, os medios de extinción poidan cargar auga se é preciso”, alertou.

Para Presas esta situación “é intolerable”, polo que reclamou a Xunta e Estado “que deixen de mirar para outro lado e de permitir esta impunidade coa que funcionan as eléctricas”. “Exiximos, en primeiro lugar, sancións e, en segundo lugar, unha intervención pública inmediata para forzar a estas empresas a corrixir isto, a que incrementen a cantidade de auga nos encoros e a que o fagan de forma inmediata para evitar que o dano sexa maior”, afondou.   

O BNG recorda que Ourense concentra 25 dos 45 grandes encoros de gran hidráulica que hai en Galiza, un claro exemplo de como a expansión enerxética sen unha planificación acorde coas necesidades da poboación e cos intereses galegos levou a desertizar unha parte importante do país e non serviu para fixar poboación. 

Así mesmo, a organización nacionalista apunta á necesidade de mudar o sistema de fixación do prezo da enerxía eléctrica, que debe depender dos custos recoñecidos a cada tecnoloxía e, nesta liña, exemplifica co acontecido este xoves pasado, onde a enerxía hidráulica foi a que marco o prezo máximo do megavatio en moitas franxas do día e, malia que a produción ronda os tres euros, foi vendido a 118,99 € megavatio/hora.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG