O candidato do BNG de Santa Comba, Juan Sixto, participou hoxe nunha rolda de prensa, arroupado por distintos membros da organizacion, para anunciar accións legais e políticas co fin dirimir responsabilidades pola campaña de difamación da que é vítima. O responsábel de Organización do BNG, Bieito Lobeira, acusou ao PP de "prácticas caciquís e mafiosas" e instou a Alfonso Rueda a que "pare xa este despropósito porque en política non todo vale".
Ademais da denuncia que o candidato Juan Sixto presentou na Garda Civil, o BNG dirixiuse tamén á Xunta Electoral para que se posicione sobre uns feitos "e extrema gravidade que afectan ao proceso electoral ademais da integridade persoal do candidato".
O propio Juan Sixto falou na súa intervención dunha "estrutura organizada" que ten como obxectivo "meter medo nunha campaña completamente carroñeira mais non nos van facer calar". Anunciou que, ademais da denuncia xa presentada, dirixirase á fiscalía xa que hai menores implicados e informou de que hai xa "unha persoa identificada que está a participar na difusión da difamación".
"Práctica caciquil e mafiosa"
Con respecto á autoría dos feitos, o responsábel de Organización do BNG, Bieito Lobeira, destacou que coñecen a implicación dunha "candidata do PP que está a difundir as falsas e graves acusacións contra o cabeza de lista nacionalista" no que considerou unha "práctica mafiosa e caciquil que non vai ter resultado".
Mostrou o apoio e a solidariedade do BNG a Juan Sixto e a todas as persoas que concorren ás eleccións na candidatura e animounos a seguir xa que "esta práctica reafirma a desesperación e nerviosismo polos resultados que se poden obter".
Informou tamén Lobeira de que o BNG xa presentou denuncia diante da Xunta Electoral ao considerar que os feitos son "constitutivos de delito electoral porque afectan ao normal funcionamento da campaña" e instou ao PP e a Alfonso Rueda a que "desautorice ás persoas implicadas da súa candidatura e pare xa o despropósito".
Xunto con candidatos e candidatas da comarca e membros da dirección nacionalista, o BNG denunciou publicamente a gravidade dos feitos consistentes nunha campaña de difamación con graves acusacións contra o seu candidato, Juan Sixto, que afectan tamén a súa familia, en concreto, aos seus fillos menores. As mensaxes distribuíronse desde este luns por medio de notas en caixas de correos e mensaxes en grupos de whassaps por todo o concello, perturbando a campaña e a propia vida familiar do candidato.
Mesmo así, Juan Sixto participou nun numeroso mitin que se desenvolveu este martes en Santa Comba en que o candidato recibiu o apoio de multitude de veciñas e veciños e tamén do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que denunciou o interese político e a crueldade das persoas que están a mover a campaña de difamación.