O deputado do BNG, Daniel Catro interpelou hoxe ao goberno galego ante os problemas de conexión, dixitalización e tecnoloxía ao longo dos meses de pandemia que puxeron de relevo a eiva de Galiza neste ámbito. “Chegou a COVID e puxo á vista de toda a poboación o mal que estábamos, o estudantado que non podía recibir aulas telemáticas e o colectivo de traballadores e traballadoras non podía teletraballar”, explicou.
Segundo o deputado, neste ámbito a Xunta non fixo caso ao obxectivo marcado pola UE de chegar ao 100% de implantación de banda larga no 2020, nin aos os seus propios Plans de Banda larga.
Daniel Castro lembrou que o Plan de Banda Larga de Galicia 2010-2013 buscaba posibilitar o acceso a toda a sociedade galega, como un dos motores principais para o desenvolvemento de Galiza, situándoa entre as rexións de referencia no desenvolvemento das novas tecnoloxías e infraestruturas para a Sociedade da Información. Ademais, o Amtega tamén anunciaba O Plan de Banda Larga 2020, aprobado o día 1 de outubro de 2015 en Consello de Xunta, asumindo “os obxectivos establecido na Axenda Dixital para Europa” garantindo unha cobertura de banda larga, de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga de máis de 100Mbps. Unha vez máis comprobamos que todo eran “boas palabras e ningún feito”, reiterou o deputado do BNG.
Agora , dixo o nacionalista, estamos ante a Estratexia Galicia Dixital 2030, no que ademais de falar dunha Galiza conectada, de intelixencia artificial e de ciberseguridade, o propio Feixóo incidiu na necesidade da Conectividade dixital, para acadar o 100% de cobertura con redes de 100 Mbps en 2025 e conseguir “unha Galiza máis integrada e conectada”.
O nacionalista puxo en cuestión as previsións do goberno despois de tantas promesas baleiras durante 11 anos de goberno do PP en Galiza. A realidade é só unha é os datos reflicten unha cobertura por ADSL igual ou maior a 2 Mbps- 70,02% fronte a media estatal 89,64%, no último posto do Estado español. A Cobertura por ADSL igual ou maior a 10 Mbps- 52,71% GZ, media estatal 71,56%, Galiza tamén último posto do Estado Español. ACobertura por FTTH (Fiber to the home)- 50,30% GZ, media estatal 80,36%, Galiza no último posto do Estado.
Atendendo á cobertura por velocidade igual ou maior a 100 Mbps- Galiza conta co 66,12%, a media estatal sitúase no 83,57%, estamos á cola do Estado só por diante de Extremadura.
O parlamentario preguntou polas previsión do Partido Popular para acabar con esta situación e advertiu que non ía admitir as “reiteradas escusas do PP” relativas ao gran número de núcleos de poboación e unha poboación moi envellecida que usa menos as tecnoloxías porque existen sistemas para chegar aos núcleos de poboación e ao rural que non precisan fibra e chegan á aldea máis afastada.
Antes da pandemia a falta de cobertura era problemática pero agora precisamos medidas urxentes para conectar a sociedade, para acadar a totalidade da dixitalización de Galiza, concluíu.
Pola súa parte, o conselleiro de Facenda e Administración, Valeriano Martínez respondeu que a Xunta traballa para transformar a conectividade dixital en colaboración co goberno do Estado ao que deputado replicou que “xa é hora de deixarse de escusas” e ampararse no goberno central, “a realidade é que existen mil lugares en Galiza nos que catrocentos non contan con cobertura de voz e máis de 13.000 núcleos galegos carecen de banda rápida”, e o goberno galego continúa na súa inacción, concluíu.