- Luís Bará reclama 2.010M de euros para o ferrocarril e 1.200M para estradas
- O deputado do BNG, Luís Bará afirma que mentres Rajoy anuncia grandes investimentos para Cataluña, o goberno galego mantén unha posición “impasible, servil e submisa” e non esixe o mesmo trato para Galiza
O deputado nacionalista, Luís Bará anunciou que o BNG buscará no Parlamento galego unha posición conxunta de todas as forzas políticas para colocar a Galiza e a súas demandas no debate dos orzamentos do Estado. É “un agravio” para o noso país non estar presente nos orzamentos do Estado” mentres Rajoy anuncia miles de millóns para Cataluña. Hai comunidades que xogan na “Champions e outras como Galiza, que nin sequera xogan en rexional preferente”. Isto débese,dixo, Bará a posición de “servilismo e submisión do goberno galego e Feijóo” que leva demostrado que non actúa coa firmeza a que está obrigado. “Mentres uns reciben miles de millóns, nós recibimos retrasos e promesas incumpridas”, recalcou.
Luís Bará presentou hoxe a proposta de investimento do BNG en materia de servizos ferroviarios e infraestruturas. O parlamentario manifestou que ante o debate de orzamentos do Estado, Galiza debe debe esgrimir “unha postura forte” e reclamar as partidas para potenciar o ferrocarril galego de cercanías, a través da creación do GALTREN cun investimento de 900 M€, incrementar as frecuencias e rebaixar os prezos, así como a modernización do antigo FEVE coa mellora de infraestrutura e transporte de mercadorías con 100 millóns de euros. Neste momento, explicou, “é un trazado sen máquinas e maquinistas e en moitos casos esta ausencia fai necesario o transporte en autobús e taxis”.
Outra das vertebracións fundamentais ás que se referiu é a “saída Sur de Vigo e conexións de Portugal” sobre a que o BNG propón un investimento de 500 M€ durante o período 2017-2020, que permitiría reducir a viaxe a 75 minutos sobre as 2 horas e cuarto da actualidade. Asemade da prolongación do Eixo-Atlántico ata Ferrol con 100 M€ así como na liña Coruña-Ferrol para a que propoñemos,dixo, 220 millóns de euros.
O parlamentario tamén se referiu á conexión cos portos exteriores e lembrou que segue pendente a da Coruña polo que propuxo destinar 190M€ para a súa conclusión.
Ademais das infraestruturas comprometidas, como ocorre co AVE co exterior , Luís Bará lembrou que os novos investimentos non poden esquecer o acceso a Ourense.
INFRAESTRUTURAS
O deputado salientou o elevado índice de sinistralidade existente en Galiza ante o importante número de puntos negros rexistrados na rede viaria polo que é preciso centrar grandes esforzos en medidas que reduzan a inseguridade entre as que destacou: “ alternativas nas vías urbanas para eliminar o tráfico pesado e intenso”.
Por outro lado propuxo investir 400 millóns de euros en portos e aeroportos co fin de incrementar a súa competitividade. En total os investimentos que destina o BNG a infraestruturas alcanzan a cifra de 3.610 millóns de euros sumando os comprometidos, licitados e en execución. Luís Bará concluíu a súa intervención reclamando as transferencias de FEVE, a AP-9 e as competencias de Tráfico e seguranza viaria e dos portos de interese do Estado e Aeroportos.