O BNG esixe a dimisión do alcalde de Santiago imputado na Pokemon

O grupo de Goberno do PP atravesa unha fonda crise que dificulta a xestión ordinaria do Concello de Santiago de Compostela

O grupo municipal do BNG de Santiago esixiu a dimisión do alcalde, Ángel Currás, logo de que fose imputado por un presunto delito de tráfico de influencias na operación Pokemon.

Dende o BNG diferénciase o plano xudicial do político. O BNG estima que o rexedor da cidade debe deixar o Concello de Santiago canto antes, se ben defende sempre o dereito á presunción de inocencia, para que o seu labor como rexedor non interfira na preparación da súa defensa nin esta dificulte a xestión municipal, toda vez que existe unha alarma social pola suposta corrupción existente entre os membros do grupo de Goberno do PP e co obxectivo de evitar prexudicar a imaxe da institución municipal e da cidade de Santiago de Compostela.

Dificultades na xestión ordinaria

O BNG advirte, ademais, que o grupo de Goberno do PP, logo do segundo alcalde imputado en menos dun ano e das constantes tensións públicas e notorias dos seus membros, atravesa unha fonda crise que dificulta a xestión ordinaria do Concello de Santiago de Compostela.

O BNG diferencia o plano xudicial do político e defende sempre o dereito á presunción de inocencia

A formación nacionalista defende esixir e depurar responsabilidades co obxectivo de garantir a máxima transparencia e o bo funcionamento das administracións públicas por parte das persoas que ostentan a representación da cidadanía, ademais da necesidade de recuperar a honestidade en política que debe servir para conseguir unha sociedade máis xusta e que a cidadanía viva mellor.

Para o BNG, a situación que está a vivir Santiago de Compostela nos últimos tempos é de extrema gravidade e, por este motivo, ten convocada unha reunión extraordinaria do Consello local para analizar en profundidade a situación municipal.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG