O BNG esixe un acordo con Mauritania que non marxine á frota galega

O BNG pide a urxente renegociación na Comisión antes de que o país africano reciba a contraprestación económica, ou vetará o acordo en Plenario

Unha representación dos mariñeiros afectados asiste ao debate na Eurocámara, convidados pola eurodeputada nacionalista

O protocolo asinado entre a UE e Mauritania supón a paralización da frota cefalopodeira galega, 24 barcos con base en Marín e Vigo, e enviar ao paro a 400 tripulantes desde o pasado mes de xullo de 2012. A cambio, o país africano recibe un total 140 millóns de euros das arcas comunitarias, cifra que ascende a 220 millóns de euros se sumamos a aportación das armadoras.

"Para poder aceptar un acordo ten que ser xusto para as dúas partes asinantes e este protocolo é inasumible porque expulsa a nosa frota cefalopodeira", salientou a eurodeputada Ana Miranda durante a intervención na Comisión de Pesca da Eurocámara que esta tarde debatía o acordo Mauritania-UE.

En presencia dunha representación de mariñeiros da frota afectada convidados polo BNG a este debate, Miranda indicou que é "evidente" que o acordo ten que beneficiar aos pescadores mauritanos, "pero non é admisible que os cefalopodeiros galegos non reciban nada e, con fondos públicos europeos se pague unha contrapartida total de 140 millóns de euros, fondos públicos que tamén saen dos impostos que pagan estes mariñeiros en paro".

"Pagamos máis por menos capacidade de pesca", criticou Miranda en relación as negociacións levadas a cabo pola Comisión Europea, "usando como argumento un documentación obsoleta pese a existir informes científicos máis actualizados que demostran o bo estado da pesquería de cefalópodos".

"Estamos ante un prexuízo enorme para a nosa frota, nunha comarca altamente dependente da pesca á que non se lle dan outras alternativas aparte de axudas temporais que chegan tarde. A nosa frota ten dereito a traballar", alegou a eurodeputada nacionalista.

Neste contexto, Miranda solicitou a reunión urxente da Comisión Mixta que se recolle no protocolo Mauritania-UE para que comece a "renegociación inmediata do acordo, co obxectivo de incluír a incorporación da frota galega, e que esa renegociación teña lugar antes de facer o pago da contraprestación económica ao país africano". "En caso de que nese foro non se acade este obxectivo irrenunciable, o BNG vetará o acordo ao seu paso polo Pleno da Eurocámara", concluíu.

A representación da frota cefalopodeira convidada pola formación nacionalista está formada por mariñeiros en pardo das armadoras Pesqueira Derime, Loirapech e Pesqueira Manuel Nores, acompañados do seu representante sindical da CIG-Mar, Xavier Aboi.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG